Coop57 Galiza nace como Sección Territorial en Maio de 2009, nomeadamente, a partir do tecido asociativo das cooperativas de traballo e consumo, estando o grupo promotor conformado por 16 sócias de servizos e 25 sócias colaboradoras. Nesta altura - Maio 2015 - fan parte da mesma 35 sócias de servizos e 137 sócias colaboradoras. A base social de sócias de servizos, mália que pertence na súa maior parte ao ámbito cooperativo, tense diversificado a outras realidades da economia solidária como o asociacionismo das ONG's; da discapacidade; do feminismo e do ecoloxismo.

        Durante os seis anos de andaina da Sección Territorial, ten desenvolvido unha intensa actividade de difusión de Coop57 como proxecto de finanzas éticas e da economia solidária. Neste senso, ten feito sinerxias con outras iniciativas de finanzas éticas implantadas no território como Fiare Banca Etica e AIS O Peto.

        A actividade creditícia da Sección Territorial coas súas sócias de servizos, tense traducido na aprobación de 45 empréstitos para financiar proxectos e actividades vinculados á agroecoloxia; consumo responsábel de produtos agroecolóxicos e comércio xusto; ensino regrado e non regrado; desenvolvemento local; servizos á discapacidade; divulgación, formación e asesoramento en economia social e solidária; investigación e dinamización social, cultural e ambiental; educación ambiental; servizos en TIC's; servizos culturais; turismo rural; servizos comunitários e servizos en igualdade. Téñense aprobado case a totalidade das solicitudes dos empréstitos recibidas.

        Para alén de continuar a ser unha ferramenta útil para a economia solidária de Galiza no ámbito do crédito, outros desafios da Sección Territorial para os próximos anos son os de ser unha ferramenta activa na construción de mercado social tanto a nível local como galego, e na consolidación e afortalamento das redes de economia solidária de Galiza.