Ser socio ou socia de Coop57 significa pertencer a unha rede de persoas e entidades que traballa, colectivamente, para fomentar outros modelos económicos e sociais. Significa exercer a soberanía económica e poñer en práctica modelos financeiros que teñan en conta as persoas, o contorno e o territorio no canto da maximización de beneficios.

No Boletín 31 de Coop57, na sección de pedaCOOPxía, reflexionabamos sobre a importancia de ser socio cooperativista, un paso alén de ser cliente dunha entidadefinanceira. Da importancia de formar parte dun
movemento socioeconómico que pretende pensar colectivamente que modelo económico e social se quere promover.

En Coop57 non existe a figura do cliente senón que todas as persoas e entidades que se vinculan a ela fano desde a posición de socia da cooperativa. Existen dous tipos de socios e socias:

Socias de servizos:

    • Son entidades da economía social e solidaria (cooperativas, asociacións, fundacións, empresas de inserción, ONG’s, etc.).
    • Poden gozar dos servizos financeiros que se ofrecen e, por tanto, recibir empréstitos de Coop57.
    • Ademais, poden achegar recursos económicos en Coop57 en forma de achegas voluntarias ao capital social.

Socios e socias colaboradores:

    • Poden selo tanto persoas individuais como entidades.
    • Poden aforrar en Coop57 realizando achegas ao capital social da cooperativa.
    • Non poden recibir empréstitos de Coop57.

Tanto as entidades socias de servizos como os socios e socias colaboradores adquiren unha serie de dereitos dentro da cooperativa:

Dereitos políticos e de participación: Os socios e socias de Coop57 poden participar, con voz e voto, nas asembleas e decidir as liñas de actuación de Coop57 e con que criterios éticos e sociais se actúa. Os votos pondéranse independentemente do capital achegado.

Dereitos económicos: As achegas de aforro voluntarias están suxeitas a unha remuneración económica que anualmente fixa a asemblea de socios e socias de Coop57 en base a un proceso colectivo e democrático.

Dereito á información: Todos os socios e socias reciben información periódica de todos os empréstitos que se conceden, o estado económico da cooperativa, a actividade social e outras informacións relevantes sobre as actividades da cooperativa.