[Editorial Boletín 30]

En 2006, antes do estalido da última crise financeira, o Relator Especial de Nacións Unidas polo Dereito a unha Vivenda Adecuada sinalou que os problemas máis importantes para exercer este dereito no Estado español eran a especulación, a corrupción, o acoso inmobiliario, a escaseza de vivenda pública e a vivenda baleira. As súas consecuencias xa as coñecemos e sufrimos: longas listas de espera para acceder a unha vivenda social, a necesidade de compartir piso: o drama dos desafiuzamentos, especialmente hoxe  pola  falta de pagamento das rendas de alugueiro, a sobreocupación, o realugamento das habitacións e, as persoas sen fogar que viven na rúa, moitas veces invisíbeis. Na actualidade, segundo as estatísticas oficiais, no Estado español 22.938 persoas encóntranse nesta situación e cada 5 días morre unha delas, e isto é só a punta do iceberg dunhas desigualdades sociais crónicas e dunha problemática estrutural que demostra a vulneración sistemática do dereito á vivenda e á dignidade humana.

No Estado español o dereito á vivenda nin se garantiu nin se protexeu a pesar de ser un sector que se basea na especulación, no lucro e nos rendementos onde, como se demostra a diario, non todo o mundo ten cabida. Aínda que se trate de algo tan esencial para o benestar e a dignidade das persoas como é o seu fogar. As políticas de vivenda foron claramente insuficientes para corrixir os efectos negativos que as mans invisíbeis do mercado provo- can. Aínda máis, , estas fomentáronos, apoiáronos e reforzáronos. O Estado centrouse, tradicionalmente, no fomento da compra de vivenda mediante, por un lado, desgravacións fiscais xeneralizadas na adquisición, e por outra, nunha política pública de vivenda que reproduciu o modelo mediante a construción de vivendas de protección oficial de compra. Polo tanto, pódese afirmar que a tendencia a un modelo residencial baseado na propiedade da vivenda non é un aspecto cultural senón que se promoveu polas políticas públicas.

Un informe recente explica que os prezos dos pisos de segunda man incrementáronse un 8% nos primeiros 6 meses do ano no Estado español. Este incremento corresponde, en boa medida, a vontades especulativas xa que, unha porcentaxe moi importante das compras feitas nestes seis meses son de carácter investidor e teñen vontade especulativa. Moitas destas operacións foron promovidas por investidores estranxeiros que ven no mercado inmobiliario español actual unha boa oportunidade de negocio. As cifras falan por si soas e as consecuencias afloran pronto: unha especie de novo tsunami especulador, silencioso e invisíbel. Os efectos reais de tendencias como estas transfórmanse nun encarecemento artificial dos prezos, poñendo barreiras máis altas de acceso á vivenda para moita xente, tanto para a compra como para o alugueiro. A tensión alterada entre a oferta e a demanda provoca que os mercados sitúen os seus prezos de equilibrio lonxe das necesidades da maioría e provoca que moita xente se vexa abocada a situacións de precariedade residencial.

O sistema económico hexemónico mercantiliza todo o que poida xerar excedentes e venera todo aquilo que poida engadirse á suma do PIB para que após, maliciosa e erroneamente, se traslade á crenza dogmática dun progreso mal entendido.

A inevitábel conclusión é que bens básicos como a vivenda terían que quedar á marxe da lóxica inmediata do máximo beneficio. E o máis irónico e preocupante é que aínda non saímos dos efectos da última burbulla. Parece ser que os ciclos do capital especulativo non quixeron aprender nada. É o momento de cambiar, transformar e entender as realidades desde outra perspectiva.

Para subverter este modelo residencial, Coop57 propuxo apoiar as experiencias prácticas que revertan as bases do modelo estabelecido. Coma sempre, a achega e o valor engadido é máis cualitativo que cuantitativo. É preciso (de)mostrar que hai alternativas, que outro modelo residencial é posíbel e necesario. Hai que pór as necesidades residenciais das persoas no centro da produción, a distribución, o consumo e o financiamento da vivenda e, polo tanto, esta ten que ser a finalidade dun sistema de provisión alternativo e transformador que poña no centro a sustentabilidade da vida. Non só é un modelo teórico, son experiencias prácticas para comezar a ensaiar e afrontar dificultades e contradicións que xurdirán ao longo do camiño. Coop57 quere apoiar iniciativas que se orienten cara á recuperación do valor de uso da vivenda nun proceso social, político e económico centrado na reprodución da vida e os coidados. As propostas que Coop57 apoia rompen e se enfrontan a un sistema baseado no réxime de propiedade priva- da e propón un sistema de propiedade colectiva. Confrontan un sistema de produción da vivenda baseado na explotación, guiado polo máximo beneficio no menor tempo posíbel, cun sistema de produción cooperativo que xere un retorno social á comunidade. Pasar dun consumo individual e privativo a un consumo colectivo e solidario baseado no uso. Acabar cun sistema residencial fundamentado nun financiamento especulativo e potenciar un sistema de financiamento ético, colectivo e solidario.