'Luz de Todos' é un proxecto de cooperativismo e solidariedade internacional para construír unha mini-hidroeléctrica no pobo guatemalteco de San Pablo de Tacaná. É o primeiro proxecto mesoamericano de transición enerxética cara a uso de enerxías renovables e de propiedade comunitaria que financiamos en Coop57. Fíxose posible grazas á confianza de 164 persoas e algunhas entidades, que participaron con avais mancomunados e contribuíndo a un fondo de garantía que recolleu 268.800 euros.

Desde esta primavera, Coop57 ten unha conexión co océano Pacífco. A través do proxecto de apoio mutuo e autoxestión comunitaria "Luz de Todos", a cooperativa ten un vínculo coa comunidade de san Pablo de Tacaná e o seu proxecto de recuperación da rede eléctrica de mans da xestión privada. Coop57 Catalunya contribuíu a financiar a instalación dunha mini central hidroeléctrica no río Coatán, que nace en terras guatemaltecas e desemboca en territorio mexicano. O préstamo de 250.000 euros fíxose á Fundación L’Oliveira para que se aplique ao proxecto da Hidroeléctrica San Pablo, xestionada pola comunidade.

A iniciativa impulsárona as habitantes de San Pablo de Tacaná en alianza co Centro Autoxestionario Solidaridade Área Latina (CASAL), L’Oliveira, Aiguasol, Tándem Social e FETS. Xuntas queren garantir o subministro eléctrico a toda a poboación, vítima dos abusos dos poderes económicos e transnacionais que se apropiaron da produción de enerxía no seu territorio. Permitirá recuperar de mans privadas a xestión do servizo de
electricidade e asegurar o acceso á luz sen cortes para esta comunidade.
Grazas aos avais recollidos, o proxecto xa está en marcha e as obras avanzan a bo ritmo. Animámosvos a seguir o “Diario do proxecto” na súa páxina web.

 

Recuperar a xestión comunal dos bens comúns

O proxecto busca a rexeneración de enerxía limpa que permitirá a esta comunidade e territorios veciños ser autosuficientes enerxeticamente. Ten un custo total de 393.650 euros. Para o poder financiar, a Municipalidade de Tacaná achegará 50.000 euros e a comunidade de San Pablo 93.000 euros en man de obra e construcións. Por outro lado, o préstamo de Coop57 devolverase en dez anos, con dous anos de carencia e oito anos de retorno de capital.

A vila guatemalteca de San Pablo de Tacaná, a case 3.000 metros de altura cerca do volcán Tacaná, acolle unha comunidade de 170 familias da comunidade maya mam repartidas nunhas lombas empinadas cubertas de terrazas e bosque. É unha das comunidades indíxenas de Guatemala, o país de América Latina con maior porcentaxe de poboación orixinaria –o 65% dos 15,5 millóns de habitantes. Lamentabelmente, tamén é o país co máis alta taxa de violencia e asasinatos contra as poboacións indíxenas. 

Actualmente San Pablo de Tacaná non conta con servizo de enerxía eléctrica. Após cobros inxustificados por parte da empresa distribuidora e cotas practicamente impagábeis para gran parte da poboación, e após anos de conflito, a distribuidora decidiu cortar o subministro. A minicentral hidroeléctrica será propiedade da comunidade de San Pablo mediante acción e será administrada a través da Sociedade Anónima que conformou para poder xerar, transportar e comercializar enerxía eléctrica. Esta sociedade está rexistrada ante o tributario guatemalteco, tal como estabelecen as leis do país. 

En 1998 Unión Fenosa gañou o concurso para a privatización do servizo eléctrico de Guatemala. Foi unha época de grandes conflitos. En 2004 a Corte de Constitucionalidade do país advertiu que se estaban facendo cobros inxustifcados e ditaminou que a empresa tiña que devolver cerca de 200 millóns de euros ás usuarias. A poboación, ante os abusos desta transnacional, organizouse para deixar de pagar os recibos da luz por cobros ilegais e os cortes constantes do subministro. Neste conflito houbo máis de once asasinatos de líderes campesiños. Fenosa abandona Guatemala en 2012, pero os conflitos continúan con ENERGUATE, que herdou a distribución coa mesma estrutura. En maio de 2018, cortan o servizo de luz á comunidade de San Pablo, que instalou un xerador diésel provisional para proporcionarlle á veciñanza unhas horas de luz no día.

Sale en portada general: