A Fundación Coop57 é unha ferramenta creada por Coop57 para dotarse de novos mecanismos que lle permitan cubrir novas necesidades. Faise co obxectivo de fortalecer o desenvolvemento da economía social e solidaria e contribuír á loita por unha transformación social en positivo que axude a construír unha economía baseada nas persoas e no desenvolvemento xusto e equitativo da nosa contorna.

 

A Fundación é unha ferramenta complementaria ao traballo que xa está a realizar Coop57 e permite cubrir dous baleiros que ten actualmente a actividade de Coop57:

  • Articular un mecanismo de recollida de doazóns a través de achegas puntuais, achegas periódicas, a renuncia voluntaria á remuneración das achegas voluntarias dos socios e socias de Coop57, herdanzas, fondos de formación, promoción e educación cooperativa, convenios de colaboración con outras entidades, etc.
  • Articular un mecanismo complementario de apoio financeiro a iniciativas de economía social e solidaria con carácter transversal, que requiren instrumentos diferentes que os empréstitos que actualmente ofrece Coop57 (achegas a fondo perdido con retorno social, avais ou garantías, bonificación de intereses, etc.)

A Fundación Coop57 quere dar resposta a novos requirimentos que se expoñen a Coop57 e aos que dificilmente se pode responder desde a estrutura cooperativa e espérase que a Fundación poida ser un instrumento adecuado e complementario para desenvolver actividades financeiras no marco da economía social e solidaria.

 

Visita a web da Fundación Coop57!

A Fundación Coop57 ten as seguintes características:

Finalidades:

  • A Fundación ten por obxecto social a promoción e difusión da cultura da solidariedade, a cooperación e o benestar social. Dedícase activamente á potenciación da cultura do traballo liberador e autoxestionado, responsábel e participativo e á promoción do mercado social, do comercio xusto e da prestación de servizos ás persoas e á comunidade mediante a realización de actividades adecuadas ao seu obxecto.
  • A difusión, a promoción e a defensa da cultura da economía social e solidaria en calquera das súas dimensións. Entre elas de forma especial as referidas ao ámbito económico e financeiro, aos proxectos de emprendedores e ás experiencias de autoemprego colectivo, así como á formación da cidadanía en todos os aspectos relativos á economía social e solidaria.
  • A realización de operacións de apoio financeiro ás actividades desenvolvidas por entidades da economía social e solidaria dedicadas á produción de bens e á prestación de servizos, incluíndo novas experiencias, a través de proxectos de alto interese social e economicamente viábeis que non teñen a posibilidade ou se encontran con dificultades de acceso aos servizos das entidades financeiras mercantís con fins lucrativos. Entre estas operacións inclúense as que se efectúen para impulsar as actividades que poidan estar a desenvolver os propios socios membros de Coop57.
  • Brindarlles apoio a estas entidades mediante outros instrumentos de carácter formativo ou organizativo que poderá levar a cabo directamente ou en parcería con outras entidades públicas e privadas, en especial da economía social, potenciando así a actividade en rede.

O padroado:

  • As persoas que compoñan o padroado serán designadas pola súa fundadora, a cooperativa Coop57, na Asemblea Xeral desta, de entre os membros do seu Consello Reitor.
  • Será renovado ao mesmo tempo que se realicen as renovacións do Consello Reitor da cooperativa Coop57.
  • Os mandatos son de catro anos con renovación de metade dos membros cada dous anos.

 Estrutura profesional:

  • A Fundación non disporá dunha estrutura de xestión remunerada en ningún caso.
  • A estrutura profesional da cooperativa Coop57 facilitará o apoio necesario á fundación para que poida levar a cabo o seu obxecto social.
  • Para realizaren as súas actividades, a fundación e a coooperativa acordan que as comisións sociais e as comisións técnicas da cooperativa Coop57 interveñan nas operacións da Fundación nos mesmos termos que na cooperativa.

Actividades:

  • Levar a cabo o financiamento de proxectos da economía social e solidaria.
  • Dar axudas e apoio á formación das entidades da economía social e solidaria, especialmente en cuestións relacionadas co financiamento ético e solidario.
  • Difundir a cultura da economía solidaria a través de toda clase de medios orais, escritos, audiovisuais e informáticos.
  • Colaborar, participar ou realizar estudos, conferencias, xornadas formativas e outras actividades que favorezan a formación e o coñecemento do tecido da economía social e solidaria e o campo das finanzas éticas

Beneficiarios:

  • Entidades da economía social e solidaria, calquera que sexa a forma xurídica en que estean constituídas, que desenvolvan proxectos de interese social e sexan economicamente viábeis.
  • Persoas que leven a cabo a súa actividade de acordo cos criterios e no ámbito da economía social e solidaria.
  • As agrupacións, federacións ou unións que puidesen constituír os beneficiarios indicados nos dous apartados anteriores co fin de desenvolver as súas actividades de produción ou servizos de acordo cos criterios mencionados.
  • Todas as cooperativas, persoas emprendedoras ou entidades que soliciten os servizos financeiros da Fundación,  e que reciban a sua aprobación, deberán inexorablemente ser socias de Coop57.

Selección das beneficiarias:

Será efectuada polo padroado, de acordo cos principios de imparcialidade e non discriminación, segundo os seguintes criterios:

  • Ter unha finalidade, en sentido amplo, de interese social.
  • Estar arraigados no territorio.
  • Colaborar na construción dunha sociedade máis solidaria.
  • Funcionar con criterios de autonomía e xestión democrática.
  • Crear postos de traballo estábeis.
  • Distribuír equitativamente a riqueza xerada.
  • Ser sustentábeis social e ambientalmente.

Información e transparencia:

  • O Consello Reitor da cooperativa levará a cabo un labor de información, difusión e debate sobre as actividades da Fundación que, como mínimo, terá lugar durante a asemblea ordinaria anual da cooperativa na que  facilitará as contas e a memoria anual aprobadas polo padroado, que conterán con suficiente detalle a información relativa ás operacións efectuadas durante o exercicio correspondente.
  • Todo isto sen prexuízo de facer unha avaliación en profundidade da Fundación cada catro anos ou cando o acorde a asemblea da cooperativa Coop57.
  • Seguindo o principio da transparencia, as operacións e actividades que leve a cabo a fundación serán feitas públicas mediante os boletíns e medios de información da cooperativa Coop57.