A función principal de Coop57 é captar recursos económicos da sociedade para ter capacidade de dirixilos cara ao financiamento de proxectos transformadores de economía social e solidaria. A práctica totalidade destes recursos proveñen de persoas individuais que deciden achegar os seus aforros ao capital social da cooperativa.

Polo tanto, as persoas individuais poden participar facéndose socia colaboradora e realizando achegas económicas ao capital social de Coop57. Os socios e as socias colaboradoras son, basicamente, persoas que cren no proxecto de Coop57 e queren que o seu diñeiro sirva para financiar proxectos coherentes cos seus propios criterios éticos e sociais.

Ademais da súa achega económica, as persoas socias colaboradoras poden participar nas asembleas e elixir, e ser elixido para, os órganos sociais. Ademais, reciben puntualmente información sobre o destino dos seus recursos aplicando o principio de transparencia.

Poden ser socias colaboradoras todas as persoas físicas que compartan os principios de finanzas éticas e solidarias de Coop57. Para adquirir a condición de socio ou socia colaborador hai que desembolsar o capital mínimo obrigatorio de 300 euros (o pagamento desta contía pódese efectuar de forma fraccionada).

O socio ou socia colaborador pode facer achegas adicionais as veces que queira (ata un máximo de 200.000 €). Tamén pode realizar achegas periódicas de carácter fixo. Por acordo do Consello Reitor de Coop57 e de maneira transitoria, as novas achegas quedan limitadas a 10.000 euros por socio/a.

Aquí, as Condicións das achegas das persoas socias colaboradas.

As achegas das persoas socias colaboradoras divídense entre a achega mínima obrigatoria (300 euros) e o resto da achega, que ten carácter voluntario.

O prazo das achegas é de carácter indefinido ata que se manifeste o contrario. A achega obrigatoria forma parte dos fondos propios de Coop57 e polo tanto non estarán suxeitas a remuneración e a súa devolución debe ser aprobada polo consello reitor. O resto da achega, no caso que haxa, forma parte do capital social voluntario e polo tanto estará suxeita á remuneración establecida e a súa devolución será de carácter inmediato.

A cantidade da remuneración se que fixa cada ano na Asemblea Xeral de xeito democrático e colectivo.

Sen menosprezar a remuneración anual, a motivación principal dos socios e socias non é o afán de lucro, senón o convencemento de que hai que controlar o destino do noso diñeiro.

Por unha parte, para superar o paradoxo de poder estar a contribuír a financiar iniciativas contraditorias cos nosos propios principios éticos e solidarios e, por outra, contribuír a vehicular recursos financeiros a proxectos económicos que transformen a realidade en positivo, acorde aos principios da economía social e solidaria.

Para recuperar a achega de Coop57 débese solicitar poñéndose en contacto coa súa sección territorial. Non existe ningún tipo de período de permanencia para as achegas de diñeiro que se realizan a Coop57. Pódense recuperar en calquera momento que se desexe sen ningún tipo de custo ou penalización.

Aínda así, hai unha diferenciación de procedemento entre a parte voluntaria e a parte obrigatoria, se se desexa recuperar a totalidade da achega.

Para explicalo usamos un exemplo:

Unha persoa ten unha achega de 2.000 € en Coop57. Destes 2.000 €, hai 300 euros que se consideran achega obrigatoria e 1.700 € que se consideran achega voluntaria.

A persoa socia desexa a devolución total da súa achega. Dos 2.000 €, 1.700 € devólvense con carácter inmediato. Os 300 restantes, debido a que a súa devolución implica causar baixa como socia da cooperativa e este capital é considerado achega obrigatoria, a súa devolución está suxeita á aprobación por parte do consello reitor que se reúne mensualmente. Co cal, e dependendo da data de reunión do consello reitor pode tardar algúns días, nunca excedendo o prazo dun mes.

Para garantir a devolución das achegas e dotarse de liquidez abondo, o 15% do total das achegas de Coop57 non poden destinarse a préstamos. Están depositadas en contas de aforro á vista e a curto prazo para poder facer fronte ás todas as solicitudes de devolución que se poida recibir.

Coop57 non é un banco e, polo tanto, non dispón da cobertura do fondo de garantía de depósitos do Banco de España. O diñeiro achegado polos socios e socias, incluídos os colaboradores, sono en concepto de capital social e, polo tanto, responden da boa marcha da cooperativa.

Polo tanto non estamos sometidos a regulación bancaria. O que se fai, en vez disto, é autorregularnos, de xeito colectivo e democrático, seguindo os criterios propios que consideramos máis axeitados. Neste sentido, as achegas están suxeitas a unha batería de medidas para poder garantir, ao máximo, as achegas dos socios e socias colaboradoras.

Para fortalecer a súa solvencia Coop57 adopta varias medidas internas:

  • Destina os seus excedentes a reservas. Non se reparten beneficios senón que se destinan todos a reforzar a solvencia do proxecto.
  • Esixe ás entidades que reciben financiamento que fagan achegas adicionais no capital social para nutrir un fondo solidario para garantir os préstamos.
  • Dota o máximo posible as provisións, parte do presuposto anual que se reserva para facer fronte a posibles eventualidades.
  • Acouta o límite máximo de préstamo que pode recibir unha entidade socia e, así, distribúe o risco (como máximo, unha entidade non pode recibir en préstamos máis do 2% dos recursos de que dispón Coop57). Deste xeito dotámonos de mecanismos que axudan a garantir, ao máximo posible, as achegas a Coop57.

Ademais, Coop57 é unha cooperativa que se xestiona de xeito democrático e participativo e que articula mecanismos para que os socios e as socias poidan coñecer axeitadamente e en todo momento a súa situación económica e poidan participar colectivamente na toma de decisións.

Coop57 é unha cooperativa de servizos financeiros que só financia proxectos colectivos e con actividade económica co que non se pode financiar persoas individuais. Os préstamos de Coop57 van orientados ás entidades socias de servizos (cooperativas, asociacións, fundacións, etc.) e nalgúns casos excepcionais a persoas autónomas que polas características da súa actividade non poden levar a cabo un proxecto directamente colectivo.

Si. Para realizar consultas ou realizar operacións existe unha oficina virtual.

A oficina virtual é un servizo a disposición das socias e socios de Coop57 co propósito de poder realizar consultas e operacións. O obxectivo é axilizar e facilitar os diferentes procesos e operativa para todas as socias e socios.

Na oficina virtual poderase:

  • Consultar o estado da conta.
  • Consultar o histórico de movementos.
  • Realizar novas achegas.
  • Solicitar devolucións.
  • Tramitar a alta e/ou baixa de achegas periódicas.
  • Actualizar datos de contacto.
  • Consultar a información fiscal sobre as remuneracións ás achegas.
  • Realizar outras consultas.

Non. Coop57 é unha cooperativa de servizos financeiros éticos e solidarios e como tal, non é un banco. Non temos ficha bancaria nin estamos regulados polo banco central. Isto implica que non podemos ofrecer servizos de banca comercial e polo tanto, non podemos ofrecer contas correntes, nin domiciliacións, nin transferencias a terceiros, tarxetas de crédito/débito, etc. En definitiva, non podemos ofrecer operativa bancaria.

O que facemos en Coop57 é captar recursos económicos para poder financiar a economía social e solidaria co obxectivo de fomentar unha transformación social en positivo. Polo tanto, as persoas que teñen diñeiro a Coop57 fano en forma de achega ao capital social da cooperativa e, a pesar de que se poden facer novas achegas e/ou solicitar devolucións sempre que se queira, tense que interpretar máis ben como un espazo "de aforro" que non para ter unha operativa cotiá.