O cooperativismo

As orixes do cooperativismo

A historia do cooperativismo tal e como o entendemos nace en Europa a mediados do século XIX. Concretamente, no condado de Lancashire fundouse na cidade de Rochdale en 1844 a Sociedade Equitativa dos Pioneiros de Rochdale seguindo as ideas do socialismo utópico de Robert Owen. No contexto dunha folga de teceláns en Lancashire, despois de pedir melloras laborais e perder os seus empregos, un grupo de obreiros ingleses fundou a cooperativa, que nun principio foi de consumo, para poder garantir a súa subsistencia. Após moitos esforzos, conseguiron o 21 de decembro de 1844 abrir o primeiro almacén de alimentos con 28 persoas socias. A cooperativa tivo un crecemento fulgurante e en 1901 xa contaba con 12500 socios e en 1961, con 41000.

Os principios cooperativos

O cooperativismo, que nace en Europa, esténdese rapidamente aos Estados Unidos e a outros puntos do planeta converténdose nun movemento de alcance mundial a finais do século XIX. As cooperativas, que en cada país se asociaron en federacións, crearon en 1895 a Alianza Cooperativa Internacional (ACI).

Na reunión da ACI de 1995 en Manchester foron aprobados sete principios que deben rexer as cooperativas federadas a esta alianza internacional.

Existen sete principios cooperativos:

1. Adhesión voluntaria e aberta

As cooperativas son organizacións voluntarias abertas a todas as persoas capaces de utilizar os seus servizos e dispostas a asumir as responsabilidades que comporta seren socias, sen discriminación social, racial, política, relixiosa ou en razón de sexo.

2. Control democrático por parte das persoas

As cooperativas son organizacións xestionadas democraticamente polos seus socios, que participan activamente nas súas políticas e na toma de decisións. As persoas escollidas para representar e xestionar as cooperativas son responsábeis ante o conxunto dos socios. Nas cooperativas de primeiro grao, os socios teñen igual dereito de voto (unha persoa socia, un voto) e as cooperativas de ulteriores graos tamén se organizan de forma democrática.

3. Participación económica dos socios

As persoas socias contribúen de maneira equitativa ao capital das súas cooperativas e xestiónano de forma democrática. Parte dese capital acostuma ser propiedade común da cooperativa, ao tempo que as persoas socias destinan os excedentes a todos ou algún dos seguintes fins: desenvolvemento da cooperativa mediante a constitución de reservas, retorno cooperativo para os socios (“devolución de vendas” nas cooperativas de consumidores e usuarios) en proporción ás súas operacións coa cooperativa e apoio a outras actividades aprobadas polos socios.

4. Autonomía e independencia

As cooperativas son organizacións autónomas de axuda mutua xestionadas polas persoas socias.  Se asinaren acordos con outras organizacións, incluíndo gobernos, ou obtiveren capital de fontes externas, deberán facelo en condicións que aseguren o control democrático por parte das persoas socias e que manteñan a autonomía cooperativa.

5. Educación, formación e información

As cooperativas proporciónanlles educación e formación ás persoas socias, representantes electos, directivos e traballadores de forma que poidan contribuír de maneira eficaz ao desenvolvemento das cooperativas das que  fan parte. Ademais, informan o público xeral da natureza e beneficios da cooperación.

6. Cooperación entre cooperativas

As cooperativas deben servir ás persoas socias da maneira máis eficaz posíbel e fortalecer o movemento cooperativo traballando en conxunto a través de estruturas locais, nacionais, rexionais e internacionais.

7. Interese pola comunidade

As cooperativas traballan en prol do desenvolvemento sustentábel das súas comunidades por medio das políticas aprobadas polas persoas socias.

 

O cooperativismo hoxe

Hoxe en día o cooperativismo en todo o mundo conta con case 1000 millóns de socios e crea 100 millóns de empregos, un 20% máis que as empresas multinacionais (2012).

En 2001, en Bélxica existían unhas 30000 cooperativas; na India, os membros de cooperativas superan os 240 millóns de persoas; en Xapón, unha de cada tres familias é cooperativista; en Singapur, os cooperativistas son 1.400.000, o que representa unha terceira parte da poboación; en Canadá, catro de cada dez persoas son socias de, polo menos, unha cooperativa, mentres que na provincia do Quebec esta cifra sobe até o 70% (2010). En Noruega as cooperativas producen o 99% do leite e derivados e as cooperativas de consumo constitúen o 25% do mercado; por súa vez as cooperativas pesqueiras son responsábeis do 8,7% das exportacións nacionais, as forestais teñen unha participación do 76% no sector e un de cada tres habitantes do país é membro dunha cooperativa.

O cooperativismo é un movemento mundial, transversal e en crecemento que, estamos convencidos, contribúe a aumentar o benestar do conxunto da sociedade.