Submitted by Coop57 on
A libraría, editorial, cantina e espazo social Katakrak fíxose socia de servizos de Koop57 Euskal Herria. Ademais do préstamo que se lles concedeu, a vontade de Koop57 e Katakrak é establecer liñas de colaboración para o futuro. A cooperativa Katakrak é un referente e un lugar de encontro de moitos movementos sociais.
Katakrak acaba de entrar na nosa cooperativa e xuntas imos iniciar un novo camiño. En Koop57 apostamos por proxectos comunitarios como este, que teñen un impacto positivo no tecido social e activista, tanto local como noutros territorios. Máis aló do financiamento, este é un acordo para unha longa e frutífera colaboración.
Koop57 Euskal Herria concedeulle un préstamo de 400.000 euros que permitirá á cooperativa de Iruña financiar a adquisición do local no que desenvolve as súas múltiples actividades. Katakrak é un proxecto autónomo, que non depende de subvencións e que se converteu en lugar de encontro para moitos colectivos. Esta libraría, editorial, cantina e espazo social está inserido en redes políticas de Iruñerria, Nafarroa, Euskal Herria, o territorio do Estado español e loitas globais.
Ser socia de servizos de Koop57 significa formar parte dunha rede de persoas e colectivos que queren impulsar outros modelos económicos e sociais. As socias de Koop57 practican o exercicio da soberanía económica e, ao mesmo tempo, impulsan modelos financeiros que teñen en conta ás persoas, a contorna e o territorio, en lugar da maximización dos beneficios.
Non coñeces a Katakrak?
Katakrak é unha iniciativa cooperativa a favor dunha profunda transformación social. Basea as súas actividades en dous eixos fundamentais: os libros, como instrumento para xerar debates ideolóxicos e políticos, e a soberanía alimentaria. Ademais, ofrece un lugar de encontro para a asociación de movementos sociais e culturais e a organización de iniciativas.
Katakrak xestiona un espazo autónomo e anticapitalista, destinado a usos sociais e culturais de diferentes colectivos e persoas, dinamizando así a vida política e cultural. O espazo físico acolle os proxectos da cantina, a libraría-tenda, a editorial e a sala de actos que son un factor clave no desenvolvemento do proxecto comunitario e cooperativo.
- Cantina: produtos ecolóxicos e de tempada. Teñen relación con hortas, granxas e adegas próximas. Son parte dun circuíto de pequenas apostas pola soberanía alimentaria, a economía alternativa e o bo comer.
- Libraría: dan un lugar destacado aos libros das editoriais do circuíto alternativo e que publican cousas de alta calidade. Máis aló dos xigantes editoriais hai un mundo por explorar.
- Editorial: queren que os libros nos que traballan teñan un longo percorrido, para que acompañen procesos de organización social e abran novas liñas de debate.
- Salón de actos: é un espazo libre para a celebración de eventos organizados por colectivos, individuos, fundacións e outros movementos sociais.
Sale en portada general: