Coop57 rexe a súa actividade baseándose nos seguintes principios:

Principios das finanzas éticas

 En Coop57 asumimos e promovemos os principios das finanzas éticas. Son cinco os principios fundamentais:

 

  • Principio de Ética Aplicada: Aplicación de criterios non económicos nas decisións de aforro e investimento.
  • Principio de Participación: A toma de decisións efectúase de xeito democrático coa participación dos socios e socias.
  • Principio de Coherencia: Que o destino que damos ao noso diñeiro non entre en contradición cos nosos valores.
  • Principio de Transparencia: Ofrecer información regular e pública de todas as actividades e as súas consecuencias.
  • Principio de Implicación: Os principios éticos teñen dimensión transversal na entidade, na súa actividade, a súa actitude e o seu compromiso.

Principios cooperativos

Asumimos e promovemos os principios cooperativos da Alianza Cooperativa Internacional:

  • Adhesión voluntaria e aberta: As cooperativas son organizacións de natureza voluntaria, abertas a todas as persoas coa necesidade de facer uso dos seus servizos.
  • Control democrático de seus membros: As cooperativas son organizacións xestionadas de forma democrática polos socios e socias, que participan de forma activa das suas políticas e na toma de decisións.
  • Participación económica dos socios e socias:  Os socios e socias contribúen de forma equitativa no capital da súa cooperativa e que o xestionan de forma democrática.
  • Autonomía e  independencia:  As  cooperativas son organizacións autónomas de autoaxuda, xestionadas polos seus socios e socias.
  • Educación, formación e información: As cooperativas proporcionan educación e formación aos socios e socias, aos representantes elixidos, directivos e empregados para que poidan contribuir de forma eficaz ao desenvolvemento das súas cooperativas.
  • Cooperación entre cooperativas: As cooperativas deben fortalecer ao movemento cooperativo traballando de forma conxunta.
  • Interese pola comunidade: As cooperativas traballan para acadaren o desenvolvemento sustentábel das súas comunidades.

Crédito ao servizo da transformación social

Coop57 enténdese a si mesma como unha ferramenta ao servizo dos seus socios e socias e ao servizo da transformación social nun marco de solidariedade e axuda mutua. Coop57, por si soa, non poderá transformar a sociedade. O diñeiro por si só, tampouco poderá transformar a sociedade. Serán as entidades, grupos, colectivos e persoas que traballan para esta transformación social as que poderán incidir a modificar a realidade cara a escenarios máis xustos, inclusivos, solidarios, equitativos e sustentables.

Democracia e autoxestión

Coop57 é un proxecto democrático, de base asemblearia  alicerzado na participación. A asemblea é o órgano máximo de decisión da cooperativa, integrada por todas as persoas e entidades socias. Son estas  as que deciden as liñas de actuación de Coop57 e con que criterios éticos e sociais se actúa.

Intercooperación e mercado social

O Mercado social é unha rede de produción, distribución, financiamento e consumo de bens e servizos, e aprendizaxe común, que funciona con criterios éticos, democráticos, ecolóxicos e solidarios. Potenciar o mercado social é intercooperar. Priorizar as nosas necesidades de compra de bens ou servizos dentro do mercado social.

Carácter colectivo

Priorízanse proxectos desenvolvidos por persoas que se organizan baixo fórmulas colectivas e outras entidades singulares que primen as persoas e a finalidade social por diante da maximización de beneficios.

Confianza

Quérese recuperar o valor da confianza. O respecto e o coñecemento mútuo son características esenciais do traballo diario de Coop57. A xestión do aforro, a concesión de empréstitos ou as garantías financeiras están alicerzados neste principio.

Perspectiva feminista

Trabállase para incorporar a visión e os criterios da economía feminista no funcionamiento de Coop57, promovendo a composición paritaria dos órganos reitores, utilizando unha linguaxe inclusiva non sexista, promovendo medidas de conciliación e corresponsabilidade dos coidados e  formando  ás diferentes persoas e órganos que conforman a entidade. Trabállase,á súa vez, para incidir nas súas entidades socias definindo criterios de avaliación desde esta perspectiva.

 

Unha economía transformadora arraigada no territorio

Seguindo os principios de arraigamento territorial e de traballo de proximidade, Coop57 ten a vontade de engadir, á súa actividade orixinaria de intermediación financeira, unha aposta para converterse, tamén, nunha entidade que promova o desenvolvemento local traballando un triplo eixo: tecido social, instrumento financeiro e administracións locais.

Transparencia

Aplícase unha absoluta transparencia na xestión da entidade como compromiso ético e social: na concesión dos empréstitos, a alta de novas socias, as contas da entidade e o funcionamento interno e societario. Toda persoa e entidade socia ten acceso a esta información.