Coop57 é unha cooperativa de servizos financeiros éticos e solidarios que recada aforro popular da sociedade para o canalizar cara o financiamento de proxectos de economía social e solidaria. Proxectos que proporcionen un valor engadido ao conxunto da sociedade.
Este proceso de intermediación financeira desenvólvese no marco dunha cooperativa e, por tanto, no marco dun proxecto democrático e participativo.
Por tanto, aforrar en Coop57 significa:
- Dotar os nosos aforros de valor social dado que o seu destino serán entidades que co seu labor desempeñan un papel positivo para a nosa sociedade. Investimos en proxectos cun alto contido social e evitamos o paradoxo de estar a defender principios, causas e valores éticos e solidarios ao tempo que o noso diñeiro pode estar a financiar todo o contrario.
- Decidir sobre o destino dos nosos aforros posto que a asemblea de Coop57, formada por todos os socios e socias de Coop57, é quen determina os principios e criterios de investimento e decide sobre a xestión dos recursos.
- Dispor de información regular, clara e detallada sobre os proxectos financiados xa que en Coop57 explicamos as características e publicamos a lista destes proxectos.
Xestionamos os nosos recursos segundo criterios sociais, democráticos e de transparencia.
As persoas físicas poden aforrar en Coop57 en forma de socias colaboradoras e as persoas xurídicas en forma de entidades socias colaboradoras ou entidades socias de servizos..