Submitted by Coop57 on
A campaña para a captación de aforro na sección territorial de Galiza entra na súa fase final. Tras unhas semanas de traballo intenso, esperamos a recollida de froitos.
Tres eran os obxectivos fundamentais que se marcaba a Asemblea de Galiza con esta campaña: difundir o proxecto de Coop57, captar novo aforro e incorporar novas persoas socias colaboradoras, para así fortalecer a nosa base social. Os dous primeiros xa están en curso e poderiamos dicir que van polo bo camiño, grazas á colaboración de moitas persoas, tanto na amplificación das mensaxes da campaña nas redes sociais como polas novas achegas de aforro que xa fixeron.
Agora ábrese a fase para acadar o terceiro obxectivo. A través da implicación das persoas e entidades socias, animarase ás persoas máis próximas (familiares, compañeiros e compañeiras de traballo, amigos e amigas...) a que se incorporen a Coop57 como socias colaboradoras e acheguen o seu aforro á Cooperativa.
Persoas comprometidas coa economía social e solidaria, que agora xa coñeceron da importancia dunha ferramenta como Coop57 para o desenvolvemento en Galiza de proxectos transformadores e sostibles, no social e no económico.