A orixe

Coop57 iniciou a súa actividade en Cataluña a partir da loita dos traballadores da Editorial  Bruguera para manter os seus postos de traballo. O 1986, no medio dunha forte crise industrial da economía española, a coñecida editorial  Bruguera declarouse inviable e pasou a mans do Banco de Crédito Industrial. Despois de intentos fallados para reflotar a empresa, reconvertela en cooperativa ou buscar comprador, o banco decidiu liquidar a empresa. A isto acolléronse a maioría dos seus 775 traballadores que cansos do proceso, preferiron liquidar os seus contratos. Este non foi o caso de todos os traballadores, algúns dos cales seguiron, durante anos, unha loita xudicial e, en último termo, moral para conseguir aquelas indemnizacións que consideraban xustas. Finalmente, en 1995, este grupo de traballadores gañou o xuízo polo cal levaban anos loitando.

Así, este grupo de antigos traballadores creou un fondo con parte das indemnizacións que recibiron polo seu despedimento para promover proxectos económicos que perseguisen a creación de postos de traballo de calidade, especialmente aplicando modelos cooperativos.

 

Os inicios

Ao 19 de xuño de 1995, con este fondo, creouse Coop57 baixo a fórmula xurídica de cooperativa de servizos financeiros. Nun inicio, o seu desenvolvemento estivo moi vinculado co  cooperativismo de traballo asociado, pero progresivamente foi ampliando a súa base social a outros tipos de entidades da economía social e solidaria. Paralelamente, tamén foi crecendo a súa base de socios e socias colaboradores.

 

 

A evolución ata a actualidade

A partir de 2005,  Coop57 pousou en práctica un modelo de crecemento en rede a raíz do interese que espertara este experimento noutros territorios. Aquel ano, unha rede de entidades de economía social e solidaria de Aragón e Coop57, conxuntamente, decidiron compartir o proxecto. A idea foi aproveitar o modelo, a estrutura xurídica e a estrutura técnica de Coop57, pero aplicando un modelo que permitise que cada territorio se  autogestionara. Isto deu lugar á creación de Coop57 Aragón en base a unha formulación de desenvolvemento en rede.

De acordo con estes principios, posteriormente constituíronse Coop57 Madrid (2006), Coop57 Andalucía (2008), Coop57 Galiza (2009), Koop67 Euskal Herria (2015) e Coop57 Asturies (2019). En todos estes casos, a clave do éxito na constitución dunha sección territorial de Coop57 foi a existencia dunha rede de economía social e solidaria no propio territorio capaz de xestionala.