Venres 30 de maio. Pola mañá, mediodía, tarde ou noite. En tren, avión ou coche. Unhas 70 persoas colleron unha maleta cun par de mudas, ganas de atoparse e moitas ideas e fóronse  pa’ Sevilla coa predisposición de entregar o seu tempo e enerxía e traballar para Coop57. Esta é a maior das xoias que ten este proxecto. Unha base e unha masa social disposta e que responde aos retos de participación que se lle formulan.

O reto para o sábado, día 1 de xuño, era triplo. Programouse un Encontro de Comisións pola mañá, a asemblea xeral de Coop57 pola tarde e a celebración dos 10 anos da sección territorial de Coop57 Andalucía pola noite. E, entremedias, un xantar a cargo da Asociación Cultural Xitana Vencedores e visitas a distintos proxectos transformadores, cooperativos e comunitarios de Sevilla.

O encontro de Comisións foi protagonizada por representantes das comisións sociais e técnicas de todas as seccións territoriais de Coop57 que se atoparon para compartir, aprender e avanzar máis xuntas, tanto na avaliación social como na económica das entidades socias de Coop57.

Na asemblea xeral debatéronse distintos aspectos importantes para os próximos anos de Coop57 como foi a aprobación da nova liña para proxectos de base comunitaria e o plan de relanzamento da Fundación Coop57. Foi unha asemblea moi viva, con debates apaixoados que demostra a importancia que todas as persoas e entidades socias damos a Coop57. Ademais, todas as seccións territoriais, por unanimidade apoiaron e ratificaron a incorporación da sétima sección territorial de  Coop57. O pasado mes de abril houbo o acto fundacional de Coop57  Asturies en Xixón pero esta necesitaba a ratificación por parte da asemblea xeral de Coop57. Así que a partir deste sábado  Coop57 conta con outra seccion territorial: Coop57 Asturies!

E pola noite a recompensa a un día de traballo intenso foi a cea no centro comunitario de Tramallol onde celebramos os 10 anos da constitución de Coop57 Andalucía.