No ano 2009 constitúese en Galiza a sección territorial de Coop57. Logo dun proceso de maduración previo de case dous anos, varias entidades do mundo cooperativo, algunha asociación e un bo número de persoas colaboradoras, botan a andar unha ferramenta de financiamento ético, posta ao servizo da transformación social.

Dende aquela, unha andaina paseniña e firme, consolidando no noso espazo territorial algo máis ca unha ferramenta financeira (actividade principal de Coop57). Consolidamos unha rede en si mesma, capaz de aglutinar e activar propostas transformadoras, traballando colectivamente e fomentando novos modelos sociais e económicos. E ao tempo, unha rede diversa e dinámica, que alén de entidades cooperativas, foi incorporando outras fórmulas de economía social: fundacións, sociedades laborais, comunidades de montes... ás que de seguro, incorporaremos máis entidades e novas tipoloxías no futuro.

E sempre acompañadas das incorporacións de persoas socias colaboradoras, aforradoras, que ven como a través de Coop57, o bo uso dos seus aforros, cobra unha nova dimensión de transformación económica e social.