En Coop57 estruturámonos de acordo a un modelo organizativo en rede. Isto significa que a nosa forma organizativa é horizontal e está alicerzada nos principios de participación e de arraigo territorial.

Esta estruturación, baseada nunha rede de persoas e entidades que interactúan e que se coñecen e se entrelazan entre si, conforma boa parte da personalidade de Coop57 e, de feito, a participación das persoas e entidades socias é fundamental para o bo funcionamento da cooperativa.

Estamos estruturados por seccións territoriais, cada unha das cales ten os seus propios órganos e estruturas de participación.

Este modelo responde a varios motivos. Por un lado, a proximidade na actuación permite ter un coñecemento máis profundo do territorio e da realidade social e, por tanto, un coñecemento máis profundo das necesidades que existen en cada caso, o que significa que se lles pode dar mellor resposta.

Por outro lado, un crecemento horizontal permite unha maior integración e cohesión da nosa base social que posibilita a creación de tecidos sociais de carácter local.

Ademais, un modelo descentralizado tamén facilita a participación dos socios e socias a medida que o proxecto medra xa que os núcleos de participación non medran ao mesmo ritmo que a cooperativa.

En Coop57 non desenvolvemos un modelo convencional de crecemento e/ou expansión. Non decidimos expandirnos cara a un territorio determinado, senón que Coop57 só vai poder existir naqueles territorios nos que se queira que exista. Son as persoas e entidades as que, organizadas en rede, xestionan a creación e a administración de cada sección de Coop57 mediante a participación e a autoxestión.