As asembleas de Coop57 en tempos de pandemia tivéronse que reformular e reinventar.

E que faremos coas asembleas? A pregunta, formulada en voz alta ao inicio do confnamento, a fnais de marzo, xeou a todo o mundo. Había poucos días que a pandemia trastornara as nosas vidas, e amodo, iamos construíndo unha desafortunada lista de aspectos que precisaban ser repensados, reformulados ou reinventados.

Nun tempo récord, tivemos que adaptar os diferentes procesos sociais, políticos e económicos, técnicos e de participación. As asembleas presentaban un gran reto. O acto social por excelencia da nosa identidade, no que nos atopamos, saudamos, abrazamos e compartimos proxecto, sorrisos e complicidade. Pero todo isto non o podiamos facer. Precisabamos unha alternativa que permitise celebrar a asembleas virtualmente, garantindo o
máximo posíbel a participación da base social de Coop57. 

Buscar a ferramenta idónea

Necesitabamos unha ferramenta que respondese a toda a nosa complexidade e dimensión. Coop57 está formada actualmente por case 1.000 entidades socias de servizos, máis de 4.500 persoas e unha decena de socias de traballo. As tres tipoloxías de socias están repartidas en sete seccións territoriais, nas que se falan catro idiomas diferentes. Cada sección territorial celebra a súa propia asemblea antes de encontrarse na asemblea
xeral. Había que estabelecer mecanismos de debate e participación e asegurar unhas votacións seguras e transparentes.

O reto non era sinxelo, e por iso, a ferramenta telemática que buscabamos tiña que ser flexíbel e adaptábel ás particularidades únicas de Coop57. Facía falta un proceso rápido, posto que dispoñiamos só de dous meses para telo todo a punto. Ademais, debía ser coherente cos nosos ideais e maneiras de traballar, polo que buscabamos provedores e ferramentas da economía social e solidaria.

Decidímonos! 

Após analizar as diferentes opcións e alternativas decatámonos pola plataforma Decidim. Esta plataforma de participación cidadá, de software libre e código aberto, proporciona ferramentas dixitais por procesos participativos e de democracia directa. Inicialmente impulsada por diferentes administracións públicas de Catalunya, desenvolveuse e xestionouse de forma colectiva, participativa e democrática desde unha comunidade ampla, no conxunto da sociedade. 

A partir de aquí, contactamos coa cooperativa Colectic, socia de servizos de Coop57 e unha das entidades máis activas na comunidade da plataforma Decidim, para facermos unha adaptación personalizada ás necesidade e particularidades de Coop57.

O nacemento de ‘Participa Coop57’

A adaptación veu acompañada dunha personalización do nome: ‘Participa Coop57’. A participación da base social de Coop57 nos órganos sociais e, obviamente, nas asembleas é un valor central e fundacional da nosa cooperativa. O nome reflicte esta característica tan arraigada. Quixemos ter mirada longa e ampla, para construírmos unha solución máis alá da pandemia e facer da necesidade, virtude. A situación obrigábanos a dar
un salto nalgúns aspectos tecnolóxicos. A pesar de que o obxectivo prioritario sempre foi desenvolver unha ferramenta para as asembleas xerais ordinarias correspondentes ao peche do exercicio 2019, detectamos dous potencialidades de cara ao futuro:

  • Espazo permanente de participación para a base social: pódese converter nun instrumento de participación estábel e permanente para os debates que se crean oportunos en cada momento.
  • Asembleas de dobre sede: cando sexa posíbel celebrar asembleas presenciais, habilitar tamén a asistencia virtual pode facilitar a participación. Á vez, permitiría facer máis descentralizada a asemblea e ampliaríaa sen restricións de territorios.

A celebración da asemblea

As asembleas no marco da plataforma presentáronse con dúas fases diferenciadas:

  1. A fase previa: abriuse ‘Participa Coop57’ uns días antes da asemblea, habilitando un espazo para a participación, debate e reflexión. O obxectivo era ter o tempo e a pausa para resolvermos dúbidas, posto que a non presencialidade agudizábanos o desexo de facer comprensíbel e ameno o contido da asemblea. Por primeira vez xerouse o vídeo documentación que acompañaba e ampliaba a documentación ordinaria.
  2. A celebración da asemblea: o día de cada asemblea de sección territorial habilitáronse espazos para a emisión en directo e para que as participantes puidesen interactuar facendo preguntas sobre os temas expostos. Á vez, había un terceiro espazo para votar durante a asemblea.

Celebráronse un total de sete asembleas de sección en sete días laborábeis, cunha participación parecida ás asembleas presenciais. A primeira experiencia virtual de Coop57 foi moi positiva e fixéronse os procesos democráticos da cooperativa garantindo todos os dereitos das socias de Coop57. Á vez, asistiron persoas que normalmente non poden vir ás asembleas e tivemos conexións de socias desde diferentes continentes.

As asembleas virtuais déixannos moitas aprendizaxes e cousas que mellorar. Tivemos inevitábeis problemas técnicos e nalgunhas ocasións a sensación estraña de estar falándolle a unha pantalla sen ninguén detrás. A interacción nalgunhas foi escasa, quizabes porque a nosa cultura organizativa non está acostumada a este canal de comunicación.

Volveremos ás asembleas presenciais e volveremos a encontrarnos, saudarnos, abrazarnos e a compartir proxectos, sorrisos e complicidade, pero na mochila tamén levaremos unhas boas e grandes aprendizaxes para mellorar a participación da base social na construción colectiva de Coop57.

Sale en portada general: