Foi un ano moi complexo. É difícil chegar a finais do 2020 sen sentir o efecto, directo ou indirecto, da crise sanitaria e socioeconómica que desatou a pandemia.

Ao mesmo tempo, a Covid-19 tamén activou todos os mecanismos de apoio mutuo da economía social e solidaria. Unha vez máis, temos visto que as cidades e as vilas convertíanse en escenarios de acción das redes de solidariedade.

Tanto entre a veciñanza que comparte rúas como no anonimato de quen vive na outra punta do país, fronte á emerxencia deuse resposta para cubrir os buracos profundos e diversos dun sistema capitalista que antepón o beneficio económico ao benestar e á vida.

Coop57 fixemos o que mellor se nos dá: poñernos ao servizo das necesidades da ESS para finanzar proxectos que avancen no camiño da transformación social. Traballamos con alianzas, novas e antigas, tecidas na economía social e solidaria. Temos  intercooperado para non parar a nosa maquinaria e para ir máis aló do que nos permite a actividade crediticia, poñendo novas enerxías na Fundación Coop57.


Este ano Coop57 cumpriamos 25 anos de traxectoria. Nada de todo o que pasou neste cuarto de século sería posible sen o esforzo e a confianza de todas as socias colaboradoras e de servizos. As persoas e as entidades sodes o motor da cooperativa.

Aínda que a escala planetaria a pandemia e a crise socioeconómica fannos chegar a finais de ano coa respiración axitada dunha maratón moi longa, somos conscientes de que aínda quedan etapas nesta proba de resistencia. Querémosvos dar as grazas de todo corazón: sabemos que no camiño estamos acompañadas dunha base social comprometida e solidaria que nos permite superar as adversidades e ser ambiciosas no noso traballo.


Queda moito por facer e aínda chegarán moitos retos. Por sorte, sabemos que o faremos xuntas. Moi feliz ano 2021.

Sale en portada general: