
Este 2025 cumprimos 30 anos, e quixémolo celebrar como sempre fixemos: desde o colectivo, desde a memoria compartida e mirando cara ao futuro con esperanza. O Ateneu Popular de Nou Barris foi o escenario que acolleu unha xornada chea de emoción e sentido, un espazo que nos é irmán e que comparte o mesmo espírito de resistencia e transformación que marcou a nosa traxectoria.
O acto —presentado pola xornalista Laura Aznar— comezou no teatro. Alí estabamos sentadas máis de 250 persoas entre socias, entidades irmás e persoas de todas as sedes territoriais que fixeron crecer Coop57 durante tres décadas.
Un inicio cheo de compromiso


A nosa compañeira Jone Etxeberria, vicepresidenta de Coop57, e Raimon Gassiot, da coordinación colexiada, abriron a celebración lembrando aquilo que nos levou ata aquí: a coherencia e a persistencia.
“Coop57 traballou durante 30 anos cambiando, sen cambiar; transformando, sen rendirse”, Jone Etxeberria.
“Somos máis que unha ferramenta financeira; somos realidade, somo compromiso, somos esperanza”. Raimon Gassiot
Podedes recuperar o discurso inaugural de Jone Etxeberria premendo aquí.
Un podcast para repasar o camiño percorrido
A celebración continuou coa gravación en directo do podcast Coop57: 30 anos de historia colectiva, elaborado co apoio de O Salto Diario, que podedes recuperar premendo aquí.
A través de catro bloques —os inicios, a expansión, o presente e os retos de futuro— demos voz a moitas das persoas que construíron Coop57 desde dentro e desde cada territorio.
Bloque 1: As orixes
Entre as testemuñas recuperadas, José Valentín Valencia —ex traballador de Bruguera e parte da nosa orixe— lembrábanos eses primeiros pasos valentes: “Demostramos que a autoxestión era posible”.
Ramón Pascual, excoordinador e membro do Consello Reitor, volvía á raíz da nosa proposta: “Non somos un banco; somos unha cooperativa que decidimos que facemos co diñeiro”.

Bloque 2: o despregue territorial
Desde Galicia e Aragón, Ana Lorenzo e Javi Ortega compartiron como Coop57 foi tomando forma propia en cada territorio, converténdose a miúdo na única ferramenta financeira ao servizo de proxectos pequenos, comunitarios e transformadores.

Bloque 3: Miradas feministas e proxectos que multiplican o impacto
A comisión feminista, coa voz de Rosa Miró, puxo sobre a mesa o traballo imprescindible que realizan as mulleres dentro de Coop57 e a necesidade de seguir arraigando a mirada feminista en todos os espazos de decisión. Tamén puidemos presentar a reedición do facsímile A loita de Bruguera desde as mulleres, unha peza de memoria viva e imprescindible.
Outro momento especial foi a presentación dos 10 anos da Fundación Coop57. Xavi Artal explicou o seu sentido profundo: “Na Fundación damos cobertura a proxectos que non poden afrontar un crédito. Non podemos permitir que tanto potencial social se perda”. É unha ferramenta que amplía a nosa capacidade de transformar realidades.
No tramo final, Jone Etxeberria destacou o papel dos territorios e a proximidade como condición imprescindible para tomar decisións xustas: “Son os territorios os que sosteñen Coop57”.

Bloque 4: os retos de futuro de Coop57
A nosa compañeira Macarena Fernández pechou a celebración cunha mirada clara cara ao futuro: “Nun mundo individualizado, seguimos demostrando que os problemas colectivos requiren solucións colectivas”.

Para finalizar a celebración gozamos dun vermut musical a cargo das Amigas de Yoli, dunha comida popular preparada por Alterevents e dun espectáculo de circo coa compañía Circ Vermut, unha maneira festiva e comunitaria de pechar un día que nos reafirmou no que somos: unha cooperativa que se constrúe colectivamente, coas mans de miles de persoas e entidades que cren nunhas finanzas éticas e solidarias.








