Ante a situación excepcional que estamos a vivir e seguindo as directrices das autoridades sanitarias, Coop57 decidiu prorrogar as medidas adoptadas o pasado venres 13 de marzo ata o martes 14 de abril.
 
Coop57 sempre se definiu como unha ferramenta ao servizo das súas socias. Un instrumento para a transformación social e a construción dunha economía pensada para as persoas, as comunidades e os territorios. Nestes momentos, é máis importante que nunca lembrar que somos e por que existimos. E é agora cando é necesario activar todos os mecanismos de solidariedade e autogestión cooperativa.
 
Coop57 está a traballar intensamente para dar resposta ás necesidades das súas socias e do conxunto das entidades da economía social e solidaria que necesitan apoio nestes momentos:
 
  • Deuse resposta ás necesidades operativas das socias colaboradoras na xestión do seu aforro.
  • Atendéronse máis de 70 solicitudes de entidades socias con préstamos vixentes para aplicar carencias -que xa superan os 3 millóns de euros.
  • Ampliáronse préstamos existentes con causa xustificada polo contexto.
  • Trabállase para atender novas solicitudes de financiamento e, por tanto, actívanse os procesos tanto desde o punto de vista social como financeiro. 
  • As comisións sociais e técnicas, así como o Consello Reitor e os diferentes Consellos de Sección, avalían as necesidades das novas entidades, ideando novos mecanismos que respecten os nosos estándares habituais de rigor ético e democrático.
  • Durante o mes de marzo atendéronse máis de 10 novas solicitudes de alta como socias de servizos e para a concesión de novos préstamos. A previsión é que durante abril se xestionen unha quincena de novas peticións. 
 
Preparámonos para o "despois"
 
Sabemos que agora hai que xestionar a urxencia e dar resposta ás necesidades inmediatas das socias de Coop57. Pero tamén sabemos que é necesario prepararnos para facer fronte e dar resposta ao que virá máis adiante. 

Están a traballarse diferentes frontes para articular as máximas garantías, que permitan que Coop57 poida ofrecer todas as solucións financeiras posibles ás súas socias e xestionar de forma colectiva, solidaria e mancomunada as dificultades e solucións futuras. 

Poñemos no centro a vida, os coidados, o ámbito comunitario. É grazas a toda a poboación que se está envorcando para soster a vida que pasaremos esta situación. Por suposto, grazas ás persoas que conforman a sanidade, que a necesitamos máis que nunca pública e universal.

Tamén todas as persoas que garanten os servizos de limpeza, abastecemento, produción alimentaria, nos mercados e supermercados, no coidado nos fogares, no transporte, na atención ás persoas maiores, na loita contra a exclusión social, nas redes de apoio mutuo... Grazas a todas vós. 
 
Mantemos o que vos diciamos hai unhas semanas:  “Coidádevos, coidade, coidémonos e que vos coiden” 
 
____________________________________________ 
 
Lembramos que as principais medidas adoptadas durante o confinamento son:
 
  • Coop57 segue traballando para garantir a operativa básica de todas as socias, sexan colaboradoras ou de servizos, así como o funcionamento normal da oficina virtual
  • Non se fai atención presencial en ningunha oficina.
  • Todas as reunións -entre traballadoras, socias, entidades, órganos, etc.- fanse de forma telemática e estanse habilitando os mecanismos necesarios para outras situacións concretas.
 
Finalmente, a canle de comunicación principal é o correo electrónico: