Submitted by Coop57 on
O mercado da enerxía. A mercantilización dun ben esencial
O ano 1997 marca un momento decisivo no sector da electricidade, posto que se promove a lei que liberaliza o mercado eléctrico español e culmínase o proceso de privatización da empresa pública “Empresa Nacional de Electricidade Sociedade Anónima” (ENDESA). A electricidade pasaba de ser un ben básico a unha mercadoría, entrando nas lóxicas capitalistas de persecución do máximo beneficio.
Esta privatización vendeuse como unha gran vitoria para as consumidoras, posto que segundo os preceptos neoliberais, un escenario de competencia (e non un monopolio estatal) aseguraba un sector eficiente, cun mellor servizo, ao prezo máis competitivo posible.
Pero a realidade foi que os prezos non pararon de subir desde entón, chegando sucesivamente a máximos históricos ata as caóticas cifras actuais. E a “libre competencia” acabou xerando un mercado no que ENDESA, IBERDROLA e NATURGY se reparten o 90% do pastel.
Desde hai anos, estas empresas obteñen uns beneficios astronómicos moi por encima das marxes das súas homólogas europeas.Desde o ano 2010 e enlazando dúas crise, as grandes eléctricas españolas acumularon 84.324 millóns de euros en beneficios netos.
Os últimos meses, estamos a vivir unha subida de prezos sen precedentes. O prezo actual multiplica por seis o do mesmo período do ano pasado, provocando que a factura poida chegar a ser un 75% máis cara que a do ano anterior. E non parece que a tendencia teña que cambiar os próximos meses.
Seguramente, os motivos para esta escalada son varios e entre eles escóndense razóns xeopolíticas e de mercado, pero tamén son alertas dun sistema económico baseado na extracción desmesurada de recursos e que se sitúa cada vez máis ao límite do colapso. E no caso concreto de territorio do estado español, tamén xogan un papel preponderante as pezas dun taboleiro de xogo viciado e sesgado que lle permitiu, ao oligopolio enerxético, influír sobre as leis do sector coa sensación que ditaba o contido, ignorar o cumprimento de leis autonómicas contra a pobreza enerxética e as evidentes e tristemente coñecidas, portas xiratorias onde se compra a maior e mellor influencia política posible.
O problema do aumento de prezos da electricidade
Esta subida tan abrupta de prezos no mercado eléctrico provoca, non só un incremento na tensión da economía doméstica de tantas persoas e aboca á pobreza enerxética a miles e miles de fogares, senón que tensa, de maneira crítica, a tesouraría de moitos proxectos máis pequenos de comercialización de enerxía. Hai quen podería pensar que hai unha estratexia voluntaria para levantar os prezos e “limpar” do mercado, antes de que se fagan máis grandes, toda unha serie de pequenas molestias ao gran oligopolio enerxético.
Unha das entidades que sufriu todos estes cambios do mercado eléctrico e tivo que traballar ao contracorrente para adaptarse ao novo contexto foi Som Energia. Para moitas persoas, a cooperativa de produción e comercialización de enerxía verde de referencia. A cooperativa explica que a subida de prezos fixo aumentar considerablemente a cantidade de diñeiro que a cooperativa ten que avanzar a diferentes organismos, para poder levar a cabo a súa actividade no mercado eléctrico.
Por unha banda, os pagos do custo da enerxía incrementáronse repentinamente, de forma que ten que avanzar o seu custo antes de poder recuperalo a través dos cobros. Doutra banda , incrementáronse tamén as garantías que se teñen que depositar para comprar a enerxía (mecanismo requirido polo mercado eléctrico).
Ademais, unha das medidas do goberno para mitigar o aumento da factura de electricidade aos fogares foi a de rebaixar o IVE do 21 ao 10% e así, deixar de tratar a electricidade como un ben de luxo. Pero a rapidez can que se aplicou provocou que as comercializadoras teñan que soster a diferenza durante uns meses, co impacto que isto comporta sobre a súa tesouraría.
Á hora de instaurar cambios, fanse con pouca previsión e pouca información previa, e sen contemplar medidas atenuantes. Isto dificulta a adaptación, especialmente ás comercializadoras máis pequenas, que teñen que aumentar de maneira moi repentina a súa fortaleza financeira ata o momento en que poidan recuperar o diñeiro avanzado.
A solución cooperativa e as redes de apoio.
Pero as lóxicas capitalistas non contan cun factor extra: as cooperativas, por encima do capital, están feitas de persoas e cando estas actúan en rede, coordinadas e cun obxectivo común, poden conseguir fitos incribles e lograr, xuntas, aquilo que por separado sería imposible.
Por unha banda, Som Energia activou a súa base social a través da captación de capital social para poderse autofinanciar a través das súas socias. En moi poucos días conseguiron o fito marcado de 10 millóns de euros. Á vez, buscou apoio financeiro desde o cooperativismo de crédito, do cal Coop57 formou parte.
Coop57 concedeu dous préstamos a Som Energia por un valor conxunto de 2 millóns de euros. Unha parte axuda a soster a rebaixa no IVE da luz ata que a facenda pública lle devolva a diferenza. A outra parte, dota de liquidez á cooperativa para facer fronte aos requisitos e pagos do custo disparado da enerxía.
Estes préstamos significan a operación de maior volume feita nunca por Coop57. Para poder dar a resposta áxil e útil ao que Som Energia necesitaba, articuláronse mecanismos extraordinarios tanto para asumir o importe da operación como para acelerar as canles de aprobación técnica e política da operación sen rebaixar, en ningún caso, os estándares democráticos e de transparencia de Coop57.
Som Energia e Coop57: unha relación de hai anos
Hai que destacar que ambas as entidades hai anos que teñen relación. Estivemos presentes nas orixes de Som Energia, antes mesmo que se constituíse, axudando a conformar a súa proposta cooperativa. O ano 2012, Som Energia faise socia de servizos da cooperativa de servizos financeiros. Desde o 2015, Coop57 participa do capital social voluntario da cooperativa enerxética. O 2016, as dúas entidades asinan un convenio para promover o financiamento de proxectos de eficiencia enerxética e enerxías renovables. O ano 2017, ponse en marcha o concurso do Germinador Social, que este ano celebrou a súa quinta edición.
Coop57 e Som Energia estiveron compartindo camiño desde o inicio, sabéndose unha a carón da outra. E nos momentos de necesidade é cando hai que activar todos os mecanismos para coordinar a axuda e demostrar que desde a intercooperación, a confianza e o tecido social e produtivo da ESS, se pode facer fronte aos maiores desafíos.