Coop57 non opera con garantías nin achegas de patrimonio. O noso sistema de garantías é o que chamamos avais persoais mancomunados.

A garantía consiste en que a entidade que solicita información busque, entre os propios socios, socias e o seu contorno, persoas que confíen no proxecto eque asuman un compromiso persoal e individual para responder como avalistas por unha parte do préstamo concedido. No caso de que a entidade non puidese reembolsar o empréstito, as persoas avalistas responderían no seu nome e só pola parte avalada.

Trátase dun documento privado que non vai a notario e onde non se pide información económica da persoa que avala (nóminas, situación económica patrimonial etc.). O aval persoal mancomunado non implica unha inmobilización de diñeiro nin depósitos nin fianzas. É dicir, é só un compromiso persoal e individual de quen confía nun proxecto colectivo.

Este sistema permite que moitas entidades con proxectos viábeis economicamente, pero que non están capitalizadas con patrimonio, poidan acceder ao financiamento.

Ademais, os avais persoais mancomunados achegan dous elementos esenciais:

  • Estabelecen unhas garantías adicionais sobre o reembolso do empréstito e, por tanto, o risco que asume Coop57 diminúe, o que contribúe á viabilidade e á supervivencia do proxecto.
  • Demostran e dan información sobre a capacidade de crear rede da entidade en cuestión, que nivel de confianza xera o proxecto e se ten unha base social sólida, ampla e comprometida.

Para alén do aval económico, o sistema de avais persoais mancomunados supón un aval social que, para Coop57, é tanto ou máis importante que o financeiro.