As socias e socios colaboradores de Coop57 poden selo tanto persoas individuais como entidades. Como o seu nome indica, colaboran coa consecución do obxectivo da cooperativa: prestar servizos financeiros ás entidades socias de servizos de Coop57.
O xeito no que colaboran é achegando recursos económicos á cooperativa en forma de achegas ao capital social de Coop57. Deste xeito, Coop57 dispón de recursos económicos para poder ofrecer os servizos financeiros ás súas entidades socias de servizos. É dicir, Coop57 realiza intermediación financeira sempre que capta recursos económicos para os canalizar ao financiamento das entidades socias de servizos. Estes recursos, aínda que tamén poden vir das socias de servizos, proveñen na súa maioría das persoas (sobre todo) e entidades socias colaboradoras.
Todas as persoas ou entidades que o desexen poden ser socias colaboradoras de Coop57 a partir dunha achega mínima obrigatoria de 300 euros.
A lei permítelle a COOP57 ter dous tipos de asociados, como calquera cooperativa: a entidade socia e o chamado socio ou socia colaboradora (segundo a Lei de cooperativas de Catalunya).
A figura da socia de servizos (entidades da economía social) pode achegar diñeiro e/ou recibir financiamento e a figura da socia ou socio colaborador só pode achegar aforro. Os socios e as socias colaboradoras non poden recibir financiamento porque Coop57 non é unha cooperativa de crédito e, por iso, só pode ofrecer os seus servizos ás suas socias de servizos. Segundo a Lei de cooperativas de Catalunya, os socios e as socias colaboradoras non poden levar a cabo a actividade cooperativizada (recibir servizos financeiros), mais si que poden colaborar co seu obxecto social.