Conxuntamente co movemento agroecolóxico dentro de Coop57, fóronse debuxando as solucións máis adecuadas ás necesidades concretas. E isto levou a traballar en diferentes ámbitos. A medida que se adquirían coñecementos, detectáronse unhas características diferenciais e compartidas nas entidades do sector primario, ás que se foron adaptando os criterios sociais e económicos de avaliación que aplica Coop57. Se desde a cooperativa se quería apoiar o movemento agroecolóxico, había que escoitar as súas necesidades para adaptar as respostas.

Así, desde o punto de vista social, realizáronse dúas accións relevantes para dar resposta. En primeiro lugar, e a raíz dunha serie de solicitudes desde proxectos agrogandeiros, aceptouse que Coop57 financiara proxectos en réxime de autónomos -até entón rexeitados. Os requisitos a cumprir inclúen que se desenvolva a actividade no marco da economía social e solidaria; que non poidan levar a cabo a súa actividade baixo outras formas xurídicas amparadas pola ESS; que acrediten a dimensión colectiva e o vínculo territorial do proxecto; así como achegar avais sociais a outras entidades que sexan socias de Coop57.

En segundo lugar, a Comisión Social de Coop57 desenvolveu preguntas específicas no cuestionario social para avaliar con maior precisión e fondura a entrada de novas socias de servizos, enfocado a proxectos do mundo rural e de actividades agrarias e gandeiras. Desde o punto de vista financeiro, tamén se foron adaptando criterios para facilitar a viabilidade dos proxectos e a súa capacidade de investimento para crear e consolidar iniciativas do sector agroecolóxico.

O primeiro concepto de base asumido por Coop57 é que algúns destes proxectos implican a asunción dun maior risco pola súa natureza porque a capacidade de achegar garantías mancomunadas é menor. Un maior risco tense que intentar compensar con outras medidas, que se engadiron á práctica financeira da cooperativa.

A partir da experiencia e o diálogo constante, aprendeuse que os préstamos tamén teñen que respectar os ritmos da terra e que o seu rendemento ten un ritmo diferente aos outros investimentos. Así, estabelecéronse carencias longas ou excepcionais, e se acordaron períodos de retorno dos préstamos máis longos do habitual. Tamén se teñen en conta as variacións que poden provocar a afectación do clima e as condicións excepcionais do contorno nos préstamos. Todo isto orientado a aumentar as probabilidades de éxito e consolidación dos proxectos financiados.

Mirar polo retrovisor para seguir avanzando

A relación con proxectos do sector primario ven de lonxe e xa desde o principio, en Coop57 vinculáronse proxectos agroecolóxicos e de fomento do comercio xusto como a Rede de Consumo Solidario, Alternativa3 ou Espanica.

Tamén desde o inicio, Coop57 apoiou a loita dos xornaleiros, especialmente en Andalucía, para traballar a terra en condicións dignas. Son exemplos emblemáticos o Sindicat d’Obrers del Camp, Marinaleda e, máis recentemente, La Zarza.

Mostran como as iniciativas de base e arraigadas no territorio transforman o contorno e as condicións de vida de moitas persoas. Coop57 segue mellorando os servizos financeiros, éticos e solidarios orientados ao mundo rural.

E isto permite contemplar novas realidades. Máis alá de todos os retos de futuro detectados no proxecto levado a cabo pola Fundación Coop57, recentemente concluíuse un debate en Catalunya sobre como valorar socialmente as cooperativas agrarias. Sobre todo, para encontrar confluencias entre esta realidade rural histórica e os principios da ESS e as finanzas éticas.

Por outro lado, comezouse a abrir a mirada cara ás Comunidades de Montes Veciñais en Galiza, unha ferramenta comunitaria e veciñal de xestión do contorno, cunha potencialidade enorme para construír un mundo rural agroecolóxico.

Sale en portada general: