Parece que a Covid-19 pouco a pouco deixa de ocupalo todo. Levantamos a cabeza, miramos adiante. Neste escenario postpandémico, un elemento na axenda macroeconómica estase vendendo como a solución a todos os males: os fondos Next Generation.
Un acordo do Consello Europeo para mobilizar 750.000 millóns de euros, financiados mediante a emisión de débeda comunitaria orientados ao que se denominou “transición ecolóxica” e “dixitalización”. Ao Estado español correspóndelle unha cifra sen precedentes: 140.000 millóns de euros, dos que 72.000 millóns son subvencións a fondo perdido e o resto créditos.
“Financiados mediante a emisión de débeda” significa que o diñeiro o achegan uns mercados desexosos de valores refuxio. E quen se endebeda son os países europeos que facilmente poderían acordar que este sobreendebedamento fose acompañado dunha nova vaga de austeridade nun futuro non moi afastado. Como, por exemplo, axustes no gasto público ou reformas no mercado laboral e nas pensións.
De momento, parece que estes recursos públicos se orientan, maioritariamente, cara ás grandes corporacións, deixando o pequeno tecido produtivo á marxe. Que a “gran transición económica” se materialice transferindo diñeiro público ao sector privado para aumentar os beneficios de xigantes empresariais que vulneran dereitos laborais, sociais e medioambientais non supón ningunha transición senón perpetuar un sistema desigual que segue cavando o mesmo pozo.
Vólvese debuxar o ciclo completo de traspaso de diñeiro público cara ao sector privado. Por un lado, os mercados colocaron 750.000 millóns de euros en valores seguros e, por outro, as grandes corporacións verán fortemente subvencionados os seus investimentos. Uns financian, uns reciben e, mentres tanto, a débeda fica para o sector público.
De novo, as palabras perden o seu significado. Fálase de “transición ecolóxica” e “dixitalización”, pero en realidade perpetúase o dogma do crecemento económico infinito, baixo o paraugas do “capitalismo verde”. Igualmente insustentábel se o que implica é aumentar o consumo enerxético e material nun planeta finito. Á vez, a dixitalización non significará reducir o uso de materias primas. Máis ben ao contrario: fabricar toda a electrónica implica unha industria extractiva de cobalto, níquel, litio... A súa extracción vai da man de prácticas violentas e coloniais, causando precariedade laboral, desprazamentos forzados e violencia nos países do Sur Global. Ademais, unha conectividade permanente require dunha grande infraestrutura tecnolóxica. Non hai un cuestionamento de base sobre a sociedade de consumo e do uso de materias primas.
A pandemia evidenciou aquilo realmente esencial pola sustentabilidade da vida. Desde a economía solidaria hai tempo que imaxinamos que modelo queremos construír. Imaxinar como pode convivir unha economía democrática e solidaria cun sector público forte. Para xerar unha transición enerxética da man dunha concienciación no consumo. Para garantir unha dixitalización que promova a inclusión e a conciliación, desde unha comercialización xusta e de acceso universal.
Se queremos facer sustentábel a vida e construír un sistema económico socialmente xusto, equitativo e que incorpore a mirada feminista antirracista, hai que cambiar as bases da xeración de riqueza e do seu reparto. O cooperativismo pode ofrecer resposta na creación de iniciativas que loitan contra a explotación a precariedade laboral, así como respostas no ámbito do consumo colectivo e os servizos. Tamén, proxectos de servizos comunitarios para a inclusión sociolaboral de persoas e colectivos expostos a situacións de vulnerabilidade. Fortalecer iniciativas que democraticen o modelo enerxético desde fórmulas colectivas e eficientes. Estender un modelo de acceso á vivenda baseada no seu valor de uso e non na especulación do mercado. Sumar iniciativas agroecolóxicas transformadoras que devolvan a vitalidade ao mundo rural. Entre moitas outras.
E, por suposto, unhas finanzas éticas que ofrezan respostas axeitadas ás necesidades cambiantes dunha economía social, solidaria e transformadora.
Da pandemia aprendemos que, cando se deixa respirar a Terra, esta ten unha capacidade extraordinaria e xenerosa de rexeneración. Aprendamos a pertencer ao planeta e a deixar de pensar que o planeta nos pertence.