Coop57 quere cumprir a súa tarefa conxugando aspectos económicos e sociais que se traduzan en resultados prácticos e reais. No sector primario, faino valorando a necesidade de desenvolver un ámbito económico clave por unha sociedade equilibrada e xusta. Onde a soberanía alimentar colla a centralidade e o protagonismo que se merece.
 
Seguindo os principios da economía social e solidaria (ESS), Coop57 fixo unha aposta especial para apoiar o sector primario, achegar solucións prácticas e promover os ámbitos da alimentación, a agricultura, a gandaría e a comercialización xusta.
Coop57 dá moito valor a un sector que é imprescindíbel para a sustentabilidade da vida e para ter un territorio vivo, vertebrado e protexido.
 
Que potencie relacións xustas entre produtoras e consumidoras e que o faga de maneira sustentábel, respectuosa, arraigada no territorio e cunha mirada ampla, que constrúa alternativas a un sistema depredador que todo o mercantiliza. Por iso, tal como defende a ESS, desde Coop57 trabállase para construír no sector primario unha economía de base democrática e local, que poña as persoas no centro, e onde os bens e servizos producidos se orienten á satisfacción
das necesidades esenciais.
 
O movemento agroecolóxico e a ESS 

Ultimamente, o movemento agroecolóxico ocupa a axenda social e da ESS. A pandemia da Covid-19 puxo de manifesto algo paradoxicamente esquecido: a alimentación básica e fundamental para a vida, a pesar de que o sistema capitalista se empeñe en mercantilizala e imposibilite o acceso para aquelas persoas ou territorios máis vulnerabilizados. A raíz da crise sanitaria e social, puxéronse en marcha varios proxectos de solidariedade para mellorar o acceso. Por natureza e definición, a ESS e as súas prácticas combaten e crean alternativas ao capitalismo. Non é estraño, pois, que o agroecoloxismo e a ESS traballen man a man.
 
Isto pasa nun momento en que se podería pensar que a chamada “burbulla da ESS” segue inchada. Hai que estar atentas para que non absorba o movemento e a loita agroecolóxicas: hai que preservar a autonomía e campos de acción.
 
En sentido amplo, ambos movementos poden ser vítimas deles mesmos por un anhelo de posicionamento social: hoxe, ser agroecolóxico e da ESS achega valor, estatus social, posibilidade de mobilizar recursos e tamén valor mercantil.

Entre todas as opcións, pode encontrarse unha con base, principalmente, na motivación individual ou gremial, pero non sempre necesariamente territorial. É un exemplo a visión hedonista da alimentación agroecolóxica, que se pode basear no culto ao corpo propio e á saúde propia, más alá do compromiso e a solidariedade reais.

Aparece, así, o risco de caer na vella trampa capitalista: xerar demanda e novos valores susceptíbeis de ser mercantilizados. Son exemplo varios procesos de xentrificación de proxectos que ofrecen alimentos saudábeis, «eco» e de «quilómetro cero». 
 
O consumo consciente e crítico de alimentación é, tamén, un acto político. Pero situar a transformación agroecolóxica só no espazo do consumo consciente pode ir en contra da súa protección como dereito e requisito biolóxico fundamental. A  capitalización do campesiñado, xunto coa aparición e intensificación do uso de combustíbeis fósiles, son os causantes da escisión histórica entre dous realidades: a rural e a urbana. Parece inxenuo pois, e incluso temerario, pensar que o mercado nos dará a solución ao problema que este mesmo crea. O «capital» protagonista da economía solidaria teñen que ser as nosas mans.

A agroecoloxía e a ESS só contribuirán á sustentabilidade –territorial, rexional e mundial– se son anticapitalistas, capaces de reconstruír un contrato social entre territorios baseado no compromiso, a solidariedade, a planificación e acción
conxunta. Para que a unión da agroecoloxía e economía solidaria sexa un espazo real de transformación e apropiación social, hai que protexer de forma radical a dirección de abaixo cara arriba, e da periferia –ruralia– cara ao centro –urbano–.
Sale en portada general: