A evolución do contexto económico contemporáneo caracterízase por un agoniante encabalgamento de diferentes crises e un agudizamento das desigualdades, a pobreza e a exclusión social. Comezando en 2008 cun colapso inmobiliario e financeiro, continuando en 2020 cunha crise provocada por unha pandemia global e seguindo co actual sector enerxético promovido por un sistema económico baseado na extracción desmesurada de recursos e que se sitúa cada vez máis no límite do colapso.

Unha crise empeorada por outra guerra indesexábel e probabelmente evitábel que, ademais, destapa as contradicións e a falta de ética do mundo occidental. Mentres se fan grandes proclamas en contra da invasión de Ucraína se transfiren centenares de millóns de euros cada día para pagar as facturas do gas e do petróleo ruso. Ao mesmo tempo, apélase a razóns humanitarias para axudar á poboación afectada mentres se tapaban os ollos e as orellas cando as crises humanitarias proviñan dalgún dos máis de trinta conflitos armados actualmente.

O panorama actual é realmente desconcertante. O euríbor, o índice europeo que indica o tipo de interese ao que as entidades financeiras lle prestan diñeiro ao mercado, está en negativo desde hai tempo. Combínase cunha inflación disparada que pechou 2021 cun incremento mediano dos prezos do 6,5%. Desafía a ortodoxia económica e é un reflexo da inestabilidade actual. Concretamente, o IPC da vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustíbeis aumentaron un 23,3%, dificultando o acceso universal a estes bens e servizos esenciais.

A subida de prezos da enerxía entrou, desde hai máis dun ano, nunha espiral caótica. Unha auténtico pesadelo para as familias máis vulnerábeis e para o conxunto da economía. E mentres as facturas da luz, gas e combustíbel se dispararon a máximos históricos, as seis grandes empresas enerxéticas da IBEX 35 cuadriplicaron os seus beneficios chegando a unha cifra indecente de máis de 10.000 millóns de euros en 2021. O esgotamento dos combustíbeis fósiles empurra inevitabelmente a un cambio cara a outro modelo enerxético. A transición enerxética xa non é unha opción. Farémolo, si.

E se non o facemos nós, farano por nós. De feito, xa o fan: o oligopolio enerxético ostenta a maior parte da produción de enerxías renovábeis e prevé investir centenares de miles de millóns de euros nos próximos anos. Todo para manter a súa posición de privilexio e grandes rendibilidades. Como mostra icónica, a lista da revista Forbes das 100 persoas máis ricas do Estado español. As novas grandes fortunas que entran con forza proveñen do sector das renovábeis. Non é casualidade.

Fálase de transición enerxética, pero en realidade perpetúase o dogma do crecemento económico infinito so o paraugas do “capitalismo verde”. Igualmente insustentábel se implica aumentar o consumo enerxético e material nun planeta finito. Hai que debater como facer unha transición enerxética que non continúe paradigmas como a acumulación de riqueza e un sistema de produción centralizado, insustentábel medioambientalmente, e onde a produción non responde a demandas de consumo, senón a estratexias xeopolíticas e de mercado.

Non sería máis lóxico producir alá onde se consume? Fortalecer o concepto de “democracia enerxética”, na que se combine a transición enerxética tecnolóxica descentralizada co afondamento na democracia e a participación cidadá.

A economía social e solidaria estase articulando para construír proxectos de comunidades enerxéticas cidadás onde, máis alá da autoprodución e o consumo compartido, se articule unha nova cultura de uso das enerxías. Á acción transformadora da produción descentralizada e de consumo cooperativo e democrático, téñense que sumar a eficiencia e a redución de consumo, a rehabilitación enerxética de edificios, a mobilidade sustentábel, a formación e a contribución á loita contra a pobreza enerxética.

Xerar e sustentar estruturas de decisión horizontais e colectivas que poidan ser verdadeiras escolas de democracia económica e que permitan avanzar cara a unha soberanía enerxética que nos desconecte das lóxicas actuais e nos conecte coa vida do planeta.

Sale en portada general: