Venres 30 de maio. Pola mañá, mediodía, tarde ou noite. En tren, avión ou coche. Unhas 70 persoas colleron unha maleta cun par de mudas, ganas de encontrarse e moitas ideas e foron cara a Sevilla coa predisposición de dedicar o seu tempo e enerxía a traballar para Coop57. Esta é a maior das xoias que ten o proxecto: unha base social a punto e que responde aos retos de participación que se achegan.

O sábado 1 de xuño era o día que estaba programada a intensa axenda do encontro. O reto para o sábado era triplo. Programouse un Encontro de Comisións pola mañá, a Asemblea Xeral de Coop57 pola tarde e a celebración dos 10 anos da sección territorial de Coop57 Andalucía pola noite. E entremedias, unha comida a cargo da Asociación Cultural Xitana Vencedores e visitas a diferentes proxectos transformadores, cooperativos e comunitarios de Sevilla.

Encontro de Comisións

O encontro de Comisións protagonizárono representantes de todas as comisións sociais e técnicas das seccións territoriais de Coop57, que se encontraron para compartir, aprender e avanzar máis xuntas, tanto na avaliación social como económica das entidades socias de Coop57. Queríase poñer en común procesos e criterios de avaliación dos casos. E a partir de aquí, detectar similitudes e diferencias. As similitudes sempre serven para reforzar a idea de cohesión e de proxecto común. As diferencias serven, nalgúns casos, para aprender unhas das outras. E noutros casos, para detectar aspectos que non funcionan e que deberían corrixirse. Trátase dun exercicio moi valioso e necesario.

A asemblea Xeral

Pola tarde, na asemblea xeral debatéronse diferentes aspectos importantes para os próximos anos de Coop57. Por exemplo, a aprobación da nova liña para proxectos de base comunitaria, denominada “Solo Comunitario”, e o plan de relanzamento da Fundación Coop57. Foi unha asemblea moi viva, con debates apaixonados que demostra a importancia que todas as persoas e entidades socias dan a Coop57. Ademais, por unanimidade todas as seccións territoriais apoiaron a incorporación da sétima sección territorial: Coop57 Asturies. Bienveníes!

10 anos de Coop57 Andalucía

E pola noite, a recompensa a un día de traballo intenso foi a cea no centro comunitario Tramallol, onde celebramos os 10 anos da constitución de Coop57 Andalucía. A sección territorial, durante esta década conseguiu consolidar e arraigar o proxecto no territorio, sacando adiante moitos proxectos transformadores. Desde os primeiros préstamos concedidos a entidades como Almenar ou Fundación Girasol, a proxectos emblemáticos como Marinaleda ou Cooperactiva e ao seu proxecto das piscinas de Puerto Real. En definitiva, foi un encontro moi intenso e enriquecedor que serviu para seguir traballando xuntas e desenvolvendo ferramentas que permitan construír unha economía transformadora, pensada para as persoas, o seu contorno e territorio.

__________________________________________________

Coñecendo proxectos transformadores en Sevilla

Durante o sábado, á vez ou entremedias de todas as actividades planificadas, coñecéronse e visitáronse diferentes proxectos interesantes de economía solidaria da cidade de Sevilla. A ruta matinal comezou no espazo social e comunitario Lanonima, dirección cara El Huerto del Rey Moro, un horto comunitario e autoxestionado no centro do Casco Histórico. Tamén se visitaron dúas librarías que fomentan o pensamento crítico: La Caótica e La Fuga. Finalmente coñeceuse in situ a Autonomía Sur, que se dedica, sobre todo, á asesoría e acompañamento xurídico a persoas, colectivos e entidades.

Ao mediodía encontrámonos no Centro Deportivo de Sevilla 3000, no barrio de Las 3000 Viviendas de Sevilla, xestionado pola Asociación Cultural Gitana Vencedores, que desenvolve unha tarefa valiosa no campo da inclusión social nunha das zonas máis empobrecidas de todo o estado español. Pola tarde, fíxose unha segunda rota onde visitamos a Casa Pumarejo, un centro veciñal da loita contra a especulación inmobiliaria, a antiga Fábrica de Sombreros, convertida actualmente nun espazo de coworking e finalmente, pechamos con Tramallol, unha cooperativa de iniciativas profesionais interconectadas nun espazo comunitario.

__________________________________________________