A Fundación.coop57 despregará este ano o Plan de Traballo aprobado pola cooperativa. Os eixes transversais son o antirracismo, o ecoloxismo, os feminismos e a incorporación de novos actores á ESS. Exclusión social, precariedade laboral, desigualdades, mundo rural e transición ecolóxica no centro.
 
A Fundación Coop57 naceu en 2014, froito dun longo debate colectivo, como ferramenta social complementaria da tarefa desenvolvida pola cooperativa. Vía a luz para cubrir baleiros e chegar aos ámbitos onde a tarefa ordinaria de Coop57 non podía chegar. 2019 foi un ano de revisión e análise do traballo desenvolvido e de proposta dun novo impulso que xa botou a andar.
 
Grupo de Traballo: un ano de debate e reflexión
 
Impulsado polo Consello Reitor de Coop57, en xaneiro de 2019 constituíuse un grupo de traballo integrado por membros de todas as seccións territoriais que elaborou unha proposta de relanzamento. A Asemblea Xeral, unha vez recibidas as conclusións, aprobounas e ratificounas. O pasado novembro o Consello reitor dáballe luz verde ao Plan de Traballo para o ano 2020, que inclúe unha campaña de captación de recursos, de construción de redes territoriais e de autoxestión financeira.
 
Cara a fóra, cara a dentro

De portas a fóra, as catro liñas principais de intervención, nacidas do traballo embrionario dos últimos anos, céntranse na xustiza social e a transición ecolóxica. Estas serán: a loita contra as desigualdades sociais; contra a precariedade laboral e a exclusión sindical; a promoción dunha necesaria transformación ecolóxica e enerxética; e a revitalización do mundo rural. Todos os ámbitos de traballo quedan atravesados por unhas prioridades fxadas que terán carácter transversal: antirracismo, feminismos, ecoloxismo e incorporación de novos actores, habitualmente excluídos ou desprazados, á Economía Social.
 
De portas a dentro, a Fundación fará un esforzo comunicativo adicional e comezará a definir o ámbito de pensamento, reflexión e difusión de alternativas colectivas á deriva do actual modelo capitalista, depredador e patriarcal.