O ano 1986 a editorial Bruguera, situada no barrio de El Coll de Barcelona, pechaba as súas portas deixando preto dun millar de persoas sen traballo. No contexto dunha crise industrial severa, aquela emblemática
editorial desaparecía pero, sen sabelo, botaba as sementes dun novo proxecto que acabaría por se converter nunha entidade protagonista das chamadas fnanzas éticas cooperativas: Coop57.

Coop57 naceu en Catalunya en 1995, froito da loita e solidariedade obreira duns traballadores que quedaron sen o seu posto de traballo pero que renunciaron a ficar de brazos cruzados. Durante os tres anos que durou a loita laboral creouse unha caixa de resistencia que serviu para lle dar saída a proxectos que permitisen a autoxeración de novos postos de traballo. E non se faría de calquera maneira senón desde unha conciencia ideolóxica,
política, social e de clase que cría nos principios da autoxestión e da democracia económica e que defendía á as persoas por riba do capital. Entre os primeiros proxectos fnanciados desta caixa de resistencia encontrábase El Foli Verd, unha imprenta cooperativa que a día de hoxe se converteu en referente dos movementos sociais e que desde o primeiro número até o presente imprime este boletín.

Agora hai 25 anos da creación da cooperativa, e desde aquela caixa de resistencia até a actualidade, o proxecto evolucionou en moitísimos aspectos. Ao longo dos anos foise conseguindo desenvolver un modelo propio baseado na autoxestión, a autonomía, a solidariedade e o apoio a proxectos que axudan a construír unha economía que pon a vida no centro, tendo en conta as persoas e a súa contorna. Nun principio, só participaban cooperativas de traballo autoxestionado, pero no curso duns cantos anos, Coop57 abriuse ao conxunto de entidades do que hoxe denominamos Economía Social e Solidaria. Todas compartimos unha base común de principios éticos e solidarios que se mantiveron feis durante os vinte cinco anos de vida de Coop57: os valores do cooperativismo, a solidariedade, o apoio mutuo, o ecoloxismo, a autoxestión, os feminismos, o antirracismo e o arraigo no territorio.

Sempre guiados por unha vontade persistente e incansábel de ser unha ferramenta útil, quíxose aterrar, con base na práctica, para poñer ao servizo da transformación social todos os valores éticos e sociais. Traballando para
converter o aforro popular en crédito transformador que axude a que poidan seguir desenvolvendo a súa tarefa aqueles proxectos que lle achegan un valor engadido á nosa sociedade. 

Neste cuarto de século construíuse un modelo de participación e implicación da base social da cooperativa. Defníronse procesos de avaliación social, políticos e económicos baseados na democracia, a participación, o asemblearismo e o rigor ético e técnico. Ao mesmo tempo, teceuse un modelo territorial horizontal e pensado desde a base, organizado por seccións territoriais. Hai agora quince anos, creábase a primeira sección territorial de Coop57 en Aragón e o ano pasado a última, até o momento, en Asturies. Entre tanto, creouse Coop57 en Madrid, Andalucía, Galiza e Euskal Herria.

Concedéronse así, case 3.000 préstamos por un valor superior a 100 millóns de euros a centenares de proxectos da ESS. Fóronse sumando ao proxecto persoas e entidades cada vez máis diversas; todas comparten o desexo de practicar a soberanía económica decidindo, colectiva e democraticamente o destino do noso diñeiro. 

Agora somos unha familia extensa: cerca de 5.000 socias colaboradoras e case 1.000 socias de servizos. Sen a vosa confanza e implicación non tería sido posíbel. 

Así, aproveitamos esta editorial para felicitarvos por todo o bo traballo e para dicirvos que os anos, en vez de avellentarnos, renóvannos as forzas. Temos máis ganas que nunca de tecer redes, de construír alternativas. De apoiar a quen estades ao pé do canón, sexa como parte da ESS, no asociacionismo, nos movementos sociais, no Terceiro Sector ou desde o consumo responsábel. A Aragón, Andalucía, Asturies, Catalunya, Euskal Herria, Galiza, Madrid e a tantos outros territorios. E tamén desde ferramentas renovadas, como a Fundación Coop57.

25 anos tecendo rede. Porque xuntas fixemos posíbeis moitas cousas que parecían imposíbeis. E queremos seguir facéndoo. Por moitos anos de COOP57!