Un alicerce das finanzas éticas e cooperativas é a transparencia, por compromiso ético, por honestidade practicante, por vontade constituínte e como práctica de libre acceso á información para saber, en definitiva, que uso se lle dá aos nosos aforros.

Nesta liña, a pesar de que aínda non se pechou o exercicio 2024, queremos compartir unhas primeiras cifras do ano a través de dous grandes datos: o volume de novos préstamos concedidos e o saldo de préstamos en curso.

En primeiro lugar, é importante entender estes dous conceptos: os novos préstamos concedidos son as novas operacións realizadas durante un período temporal determinado, como, por exemplo, un trimestre ou un ano. O saldo de préstamos en curso, en cambio, é a suma de todo o capital pendente de devolver de préstamos aínda vixentes, independentemente de cando foron concedidos.

Entrando en materia, vemos que as cifras confirman a tendencia de crecemento dos últimos anos, onde a actividade seguiu ben viva.

Este ano, e en tan só nove meses, asináronse 272 novas operacións por un valor conxunto superior aos 19 millóns de euros e rexistrouse o saldo de préstamos en curso máis alto da historia de Coop57, que, a 30 de setembro de 2024, acadou practicamente os 45 millóns de euros.

Estas 272 novas operacións repartíronse en diversos sectores de actividade. O máis numeroso é o ámbito social, de atención a persoas e colectivos específicos, onde se canalizaron 7,5 millóns de euros. A continuación, os sectores máis destacados foron o das artes e a cultura; a educación e a formación; o medio ambiente, a sustentabilidade e a transición enerxética e o financiamento de espazos sociais e de redes de economía social e solidaria. Este cinco ámbitos de actuación suman o 75% das novas operacións realizadas neste primeiros nove meses de 2024.

A outra cifra á que faciamos referencia é o saldo de préstamos en curso. O crecemento de 2024 segue a tendencia acelerada dos últimos anos, onde esta cifra se duplicou en tan só cinco exercicios, pasando de pouco máis de 20 millóns en 2019 a practicamente 45 millóns de euros en setembro de 2024.

Este crecemento débese, en gran parte, á concesión de préstamos de gran volume e longa duración vinculados a proxectos de vivenda ou adquisición de locais por parte de entidades socias que, a diferenza dos préstamos orientados a resolver necesidades de liquidez, teñen un retorno moito máis lento do capital prestado.

Á súa vez, o aforro non creceu ao mesmo ritmo, xa que nos primeiros nove meses de 2024 o crecemento neto –as novas achegas unha vez descontadas as devolucións– sitúase nuns dous millóns de euros, por baixo do cinco millóns de crecemento do saldo de préstamos en curso. E esta tendencia vense repetindo de exercicios anteriores.

Todo isto preséntanos un gran reto. Para que Coop57 poida continuar desenvolvendo a súa acción transformadora nos próximos anos –a concesión de novos préstamos– é necesario que, entre todas, sigamos aumentando a captación de aforro, ben sexa mantendo as achegas realizadas, ben facendo novas achegas ou convencendo a persoas da nosa contorna para que fagan como nós e se sumen a un proxecto de soberanía económica e transformación social.

Sale en portada general: