En tempo de pandemia as previsións pasaron a ser máis líquidas que nunca. E a capacidade de adaptarse a novas realidades agudizouse. O 2020 viuse cambiado de arriba abaixo pola repentina situación na que nos encontramos. Adaptar, en tempo récord, os procesos sociais, técnicos, económicos e políticos, ademais de manter os procesos e a toma de decisións colectivas que caracterizan Coop57. O plan de traballo para o 2021, a pesar do contexto, construíuse coa mesma vontade de sempre e marca as grandes liñas e prioridades a traballar durante o ano.

2020: Balance dun ano diferente
 
Comezou co desenvolvemento habitual, celebrando as asembleas pertinentes do primeiro trimestre, aprobando un plan de traballo e un presuposto. En xeral, collendo forzas para seguir traballando un ano máis para a transformación social e económica da nosa sociedade. 
 
Porén, o mes de marzo todo cambiou. De súpeto, estabamos pechadas en casa. Sen poder saír. Sen poder ir traballar, sen poder ver amizades, familiares, compañeiras de traballo. O mundo cambiara e aínda non o sabiamos. As nosas vidas e as nosas relacións humanas, afectivas e profesionais xa no podían ser as de sempre. Custa facer memoria cando as cousas pasan tan intensamente pero, nun inicio, as medidas de prevención pola COVID-19 tiñan unha vixencia de 15 días. En xeral, pensábase que aquela situación tan extrema non podía durar demasiado. Parecíanos que aquilo sería pasaxeiro e fácil de reverter. Pero pouco a pouco entendemos que xa todo se vería afectado por estas circunstancias. 
 
Desde Coop57, como sempre, a resposta da súa base social foi inmediata, profunda, comprometida e solidaria. As persoas vinculadas aos órganos e comisións de traballo, así como o equipo técnico, envorcáronse en readaptar o máis rápido e coa maior calidade posíbel os procesos sociais, técnicos, económicos e políticos. Gravámonos, a lume, un lema: Coop57 dar resposta. Tiñamos que seguir sendo unha ferramenta útil ao servizo dos movementos sociais e da economía social e solidaria. Tanto Coop57 como a súa Fundación creron necesario orientar as súas forzas e atender as novas necesidades xurdidas da crise pandémica. En dous meses, refinanciáronse uns 100 préstamos por valor de máis de 4,5 millóns de euros, aprazando o retorno das cotas até que se puidese reverter a situación actual. 
 
Igualmente, o funcionamento ordinario tiña que continuar, tanto as novas altas de socias colaboradoras e as novas achegas de capital, como a avaliación e aprobación de novas socias de servizos e de novos préstamos. As comisións sociais, técnicas e consellos de cada sección territorial encontraron a maneira de seguir funcionando de maneira participativa, democrática e transparente, pese á distancia. A implicación de todas as persoas e entidades nestes órganos, imprescindíbeis polo funcionamento de Coop57, foi impresionante.

As persoas das estruturas técnicas viron borradas as liñas que separaban a vida persoal e profesional e fixéronse todos os equilibrios e esforzos para que a caldeira tivese sempre combustíbel para seguir funcionando. A resposta da base social de Coop57 tamén estivo á altura dos retos colectivos que apareceron. Entendendo e adaptándose tamén á nova situación, e implicándose nos proxectos de solidariedade e de apoio mutuo en que participou a Fundación Coop57 –como impulsora ou ben intercooperando con outras organizacións da ESS. 
 
Finalmente, as socias tamén responderon con moita implicación noutro dos novos retos: as asembleas. Por primeira vez na historia da cooperativa, no podían ser presenciais. Tíñanse que montar, en tempo récord, sistemas que garantiran o acceso universal, a veracidade dos votos e a participación directa da base social de Coop57. A primeira experiencia virtual de Coop57 foi moi positiva e fixéronse os procesos democráticos, garantindo os dereitos de todas as socias, tanto as colaboradoras como as de servizos.

 

Sale en portada general: